O Concello estende o plan de mellora de firmes ás avenidas das Corvaceiras e do Uruguai 

As obras actúan esta semana en ambas as vías urbanas mentres os operarios continúan os traballos no rural e preparan a renovación dos polígonos do Campiño e do Vao 

O Concello de Pontevedra avanza esta semana na mellora urbana co asfaltado dun carril na avenida de Corvaceiras e outro na avenida do Uruguai. No caso de Corvaceiras, onte luns realizouse o fresado e a pavimentación desenvólvese entre onte e hoxe martes. Na avenida do Uruguai, os traballos de fresado e asfaltado centraranse no carril máis próximo ao río Lérez, no tramo situado entre a ponte da Barca e o náutico.

Para compaxinar as obras e a mobilidade, deseñouse un operativo de tráfico que establece o peche do carril afectado en cada vía, polo que a circulación de vehículos se canaliza polo carril que permanece aberto ao tratarse de avenidas con dous carrís en cada sentido da circulación.

Con estas actuacións dase continuidade aos traballos executados nas últimas semanas no ámbito urbano. Recentemente completouse o fresado e asfaltado da rúa Doce de Novembro, así como a mellora na rúa Xosé Malvar, entre as glorietas de Loureiro Crespo e Valdecorvos.

Unha vez finalicen as intervencións actuais, as máquinas desprazaranse de xeito sucesivo por outros ámbitos da cidade, antes e despois das Festas da Peregrina. Está previsto traballar en rúas como José Adrio, a contorna da ponte dos Tirantes, Cobián Roffignac, Alameda, a avenida de Vigo, San Pedro Alcántara, Monteleón, Pedro Mariño de Lobeira, Celestino Poza, Uxío Novoneira, o barrio da Parda, Monte Porreiro, Estribela ou o Burgo, entre outras.

De forma paralela, o plan mantén a súa actividade no medio rural. Nas parroquias, hoxe completouse o asfaltado do lugar do Marco, na parroquia de Lourizán, e tamén está realizada a pavimentación de algo máis de medio quilómetro entre os lugares do Bispo e Soutonovo, en Campañó, co de Lampreeira, en Alba; e nos lugares de Banqueira e Barragáns. Ademais, esta semana comezará a pavimentación do acceso ao novo campo de fútbol de Salcedo.

A actuación nos parques empresariais do Campiño e do Vao realizarase no mes de agosto. Nestes espazos industriais renovarase o 100 % da superficie de rodadura, o que supón actuar sobre un total de 43.806,3 metros cadrados.

Un contrato millonario

Este contrato de rehabilitación de firmes supón un investimento de 4.444.436 euros, o que representa a maior dotación económica destinada a seguridade viaria e mantemento da rede viaria municipal realizada na historia do Concello. O proxecto estrutúrase en catro lotes adxudicados a dúas empresas: a firma E.C. Casas asume as melloras do centro urbano, por un importe de 1.139.371 euros, e a zona periurbana e os barrios, por 1.108.375 euros; a empresa COVSA executa o lote do medio rural, adxudicado por 1.124.685 euros, e o dos polígonos industriais, por 1.072.004 euros.

En total, o plan abrangue unha superficie de 191.304,5 metros cadrados de vías ao longo de case 40 quilómetros de estradas. A intervención integral non se limita á renovación do asfalto, senón que inclúe de forma conxunta medidas de calmado de tráfico con novos redutores de velocidade para reforzar a seguridade viaria e a renovación de toda a sinalización horizontal e vertical.

Compartir publicación: