O novo vehículo automatizado realiza un lavado completo de cada recipiente con auga quente, cepillado e en poucos minutos antes de devolvelo á súa posición orixinal.
O servizo funcionará en horario nocturno e de madrugada para garantir unha hixiene inmediata tras o baleirado do lixo.
Pontevedra conta dende hoxe cun novo camión lavacontenedores equipado coa tecnoloxía máis avanzada para o mantemento e hixiene do sistema de tratamento de residuos. Esta nova prestación, que forma parte do proceso de implantación do novo contrato de xestión dos residuos, permite realizar un lavado automático e integral de cada colector na súa propia localización en cuestión de minutos, devolvéndoo ao seu lugar en perfecto estado de limpeza.
O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, salientou que este vehículo supón un “salto adiante” no desenvolvemento do contrato de residuos, dotando á cidade de tecnoloxía punta que xa se deixa sentir nas rúas. Moreda explicou que a loxística de traballo do novo camión require o seu funcionamento en horario de noite e madrugada. “Ten que ir un camión recollendo cada fracción e despois o camión de limpeza vai detrás”, detallou o edil, indicando que esta planificación evita o risco de que os veciños depositen residuos no colector para poder ser lavado. Con todo, o novo vehículo está deseñado coa capacidade necesaria para completar o seu ciclo de hixienización aínda que se atope algún residuo no interior do recipiente.
Coa posta en marcha deste camión lavacontenedores, Pontevedra completa o despregamento de gran parte do parque móbil do novo servizo de limpeza e recollida de residuos, composto por vehículos sostibles de última xeración propulsados a gas e electricidade.
O desenvolvemento das melloras do servizo continuará progresando nas vindeiras semanas.