O evento literario desenvólvese dende hoxe ata o domingo 5 de xullo cun programa de actividades culturais para todos os públicos
A presente edición homenaxea á escritora Begoña Caamaño e conta coa colaboración de trece librarías locais e a editorial Kalandraka
Pontevedra inaugurou esta mañá a novena edición da Festa dos Libros na praza da Ferraría, un encontro cultural que reúne a máis dun cento de autores, autoras e profesionais do sector editorial ata o vindeiro domingo 5 de xullo. A carpa do evento permanecerá aberta en horario de mañá e de tarde para acoller presentacións, mesas redondas, sinaturas de exemplares e propostas lúdicas destinadas a fomentar a lectura e o amor polos libros.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, celebrou o inicio desta cita anual que amosa “unha representación amplísima de tódalas librarías de Pontevedra” e gabou o papel da lectura “como unha forma de pasar o día e de animar a mente”. O rexedor tamén aproveitou o seu percorrido pola carpa para felicitar a todas as persoas e colectivos implicados na celebración desta festa e fixo un chamamento á veciñanza e visitantes para que pasen pola praza “a mercar un libro ou dous, se pode ser”, recomendando de xeito especial as obras de “autores galegos, que hai moitos e bos”.
A programación desta edición xira arredor da memoria, a traxectoria e o legado literario e xornalístico de Begoña Caamaño, escritora á que se lle dedican as Letras Galegas 2026. Diversos contacontos infantís, así como mesas de debate coa participación de recoñecidas figuras do ámbito cultural, analizarán e homenaxearán a súa obra durante os tres días de celebración.
Entre as firmas destacadas que conversarán cos lectores nas vindeiras xornadas atópanse nomes de referencia das letras actuais como Manuel Rivas, Manuel Jabois, Manel Loureiro, María Oruña, Arantza Portabales, Paula Carballeira, Elvira Mínguez ou Francisco Narla, entre outros. O programa ábrese cada mañá con propostas destinadas especificamente ao público infantil e familiar, e complétase con actividades paralelas como un roteiro literario, obradoiros de debuxo e sesións de observación solar.
A Festa dos Libros está organizada polo Concello de Pontevedra coa colaboración de trece librarías locais: Aviones de Papel, Clip, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Libraría Paz, Librería Escolma, Librería Metáfora, Librería Seijas, Librería Cronopios e Mononoke Manga, e o selo Kalandraka, que conta cun espazo de exhibición propio. O recinto manterase aberto de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:30 horas, agás o domingo, que pechará as súas portas ás 22:00 horas.