O Concello licita de novo o parque sobre a pasarela de Doce de Novembro

O proxecto sae a contratación por 690.336 euros cun prazo de execución de catro meses tras a rescisión do contrato coa anterior empresa adxudicataria Oresa. 

O Concello aprobou esta mañá en Xunta de goberno o inicio da licitación do parque urbano de Doce de Novembro situado sobre a pasarela do tren. O proxecto sae a licitación cun orzamento de 690.336 euros e un prazo de execución de catro meses. O expediente sae de novo a concurso público despois de que a anterior adxudicataria (Oresa) entrase en quebra, o que obrigou a rescindir o contrato e paralizar os traballos. O importe de licitación mantén o orzamento orixinal modificado cunha redución de 20.000 euros, cantidade que corresponde á parte das obras que xa foran iniciadas antes da paralización. 

O financiamento do proxecto realízase de xeito íntegro a través dun convenio de colaboración asinado coa Deputación de Pontevedra con cargo aos fondos provinciais que lle corresponden ao Concello de Pontevedra.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, amosou a súa satisfacción pola reactivación desta obra e salientou a utilidade peonil da infraestrutura. “É unha alegría que volva saír a licitación”, sinalou o rexedor, quen destacou que a pasarela actual é un espazo moi utilizado polos veciños e que esta ampliación xenerosa axudará a crear zonas arboradas para diminuír a temperatura.

O deseño técnico prevé unha transformación integral do espazo que contará cun deseño de pavimento continuo de formigón armado en tons branco e negro, delimitado con bandas de granito silvestre e combinado con lousas ecolóxicas ecoGranic con capacidade para descontaminar o aire. Así mesmo, instalaranse pavimentos podotáctiles para garantir a accesibilidade de persoas con discapacidade visual.

A conectividade peonil resolverase mediante unha rampla adaptada con pasamáns de aceiro inoxidable que unirá o parque coa rúa Santa Teresa de Jesús Jornet, habilitándose tamén un acceso traseiro ás edificacións existentes.

A humanización do espazo completaráse cunha fachada vexetal no linde leste para cubrir as medianeiras dos edificios e unha banda arborada na rúa Doce de novembro que contará con especies como pradairo americano, pradairo sacarino, catalpa, xacarandá, liquidámbar e cerdeira xaponesa. Disporá de bancos, papeleiras e iluminación led.

Compartir publicación: