O Concello licita a reforma integral do parque de Luís Otero por 450.000 euros

A actuación transformará por completo o espazo fronte a Pasarón con un novo parque infantil e varias zonas de xogos deportivos 

O Concello aprobou esta mañá a licitación da reforma integral do parque da rúa Luís Otero, no barrio do Burgo cun orzamento de 450.000 euros e un prazo de execución de seis meses, as empresas interesadas disporán de 26 días hábiles para presentar as súas ofertas.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, subliñou que esta obra supón un paso máis no modelo de cidade que sitúa ás persoas no centro da planificación urbana. “Trátase dunha transformación absoluta dun espazo que tiña xa 25 anos de antigüidade e que agora se converterá nun punto de encontro interxeracional de referencia no Burgo”, sinalou o rexedor.

Lores destacou, tamén, o valor ambiental do proxecto que “segue criterios de sustentabilidade e resiliencia. En momentos onde as temperaturas son cada vez máis elevadas, a creación de zonas verdes, arboradas e espazos de sombra é unha prioridade para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños”, apuntou o alcalde.

A actuación estruturarase en tres grandes áreas diferenciadas sobre o espazo actual. A primeira delas consistirá nunha gran zona de xogos infantís pechada de 425 metros cadrados, totalmente accesible. Esta área estará dotada de modernos aparatos de xogo, zonas de estancia con mobiliario renovado e un gran banco en voladizo de 18 metros de lonxitude que se instalará aproveitando o muro perimetral.

O segundo eixe do parque situarase na zona noroeste, onde se construirá unha pista de 13 por 8 metros para xogos deportivos. A carón desta zona, instalarase unha tirolina.

A terceira zona, situada no extremo leste que dá cara á avenida de Compostela, destinarase á práctica de exercicio físico ao aire libre coa instalación de ata dez estacións de adestramento diferentes.

Todo o deseño do parque contará cunha tematización especial arredor da historia do Pontevedra Club de Fútbol e o campo de Pasarón. Co obxectivo de fomentar a interacción interxeneracional, o parque incorporará un pequeno anfiteatro ou zona de grada para que as familias dispoñan dun espazo de estancia cómodo mentres a mocidade utiliza as instalacións lúdicas e deportivas.

Compartir publicación: