A concelleira do rural María José Abilleira supervisa as obras do rural onde xa se pavimentou a vía entre Bispo-Souto Novo, na parroquia de Campañó, e Lampreeira, na parroquia de Alba.
Mañá venres e o luns execútase a terceira fase de pavimentación na zona urbana co asfaltado de José Malvar en horario continuo de mañá.
O plan de firmes supón un investimento de máis de 4,4 millóns de euros para intervir en 40 quilómetros de estradas municipais
A concelleira do rural, María José Abilleira, supervisou esta mañá as obras de pavimentación que se realizan na parroquia de Campañó, integradas no macrocontrato municipal de rehabilitación firmes, que mañá venres activa un operativo especial na rúa Xosé Malvar para acometer a terceira fase das pavimentacións na zona urbana.
No medio rural, os traballos completaron xa a mellora da pista que comunica os lugares do Bispo e Souto Novo, en Campañó, co de Lampreeira, en Aba. Esta actuación de algo máis de medio quilómetro de lonxitude incluíu o desbaste dos laterais para ensanchar a vía, que estaba invadida por terra, ademais da regularización previa do terreo e o posterior asfaltado. Os operarios traballan actualmente na Devesa -en Aba- e, nos vindeiros días, remataranse as vías pendentes en Campañó de xeito simultáneo co acceso ao novo campo de fútbol de Salcedo.
“Este contrato é o froito de moitos meses de traballo man a man coas asociacións veciñais e coa propia veciñanza nas distintas parroquias”, subliñou María José Abilleira, quen agradeceu a colaboración e o esforzo dos servizos municipais para plasmar as necesidades nun proxecto tan ambicioso. A concelleira explicou que o cronograma para as restantes parroquias coordinarase entre os servizos técnicos municipais e a empresa adxudicataria, e avanzou que haberá reposicións de firmes nas 15 parroquias do rural a través deste macrocontrato, do canon da auga, das modificacións de crédito aprobadas, do convenio de saneamento de Veolia, e do propio orzamento municipal.
Ámbito urbano

En canto ao ámbito urbano, a rúa Xosé Malvar acollerá a terceira fase dos traballos de fresado e asfaltado mañá venres, 3 de xullo, e o luns, 6 de xullo. Trátase do tramo comprendido entre a rotonda de Loureiro Crespo e a rotonda que conecta co barrio de Valdecorvos.
O operativo de tráfico deseñado pola Policía Local establece un sentido único de circulación no tramo afectado polas obras. E para reducir o impacto circulatorio, os traballos realizaranse en horario continuo de mañá, desde as 7:00 ata as 15:30 horas.
Plan de rehabilitación de firmes
O plan de rehabilitación de firmes supón un investimento de 4.444.436 euros, repartidos en catro grandes lotes que permiten actuar de xeito simultáneo en todo o termo municipal. A intervención abrangue un total de 191.304,5 metros cadrados de vías ao longo de case 40 quilómetros de estradas. O proxecto inclúe tamén medidas de calmado de tráfico con novos redutores de velocidade para reforzar a seguridade viaria e a renovación integral da sinalización horizontal e vertical.
A empresa COVSA asume o lote do rural (adxudicado por 1.124.685 euros con 46 actuacións) e o dos polígonos industriais do Campiño e O Vao (por 1.072.004 euros). Pola súa parte, a firma E.C. Casas realiza as melloras do centro urbano (por 1.139.371 euros) e dos barrios e zona periurbana (por 1.108.375 euros).