A Xunta de Goberno autoriza a montaxe da actividade cultural que comeza o xoves cun aforo máximo de 500 persoas
A Xunta de Goberno aprobou hoxe nunha sesión extraordinaria e urxente a concesión da licenza urbanística para a execución das instalacións precisas para a Bienal de Artes Vivas 2026 no recinto conventual de Santa Clara. Esta actividade cultural ten previsto o seu inicio o vindeiro xoves día 2.
O concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, puxo en valor o traballo técnico e a capacidade de cooperación institucional para sacar adiante o proxecto. “Desde o servizo de Urbanismo estamos sempre dispostos a colaborar man a man con outras administracións para que as actuacións que proveñen doutras administracións, e que ademais son positivas para Pontevedra, saian o mellor posible”, explicou. O edil destacou a celeridade do procedemento remarcando que “foron 10 días nos que se estivo intercambiando información para que finalmente en un día, en unha xornada, se concedera licenza”.
A tramitación iniciouse a comezos deste mes mediante unha comunicación previa, un procedemento que o día 11 se advertiu como insuficiente ao requirir este tipo de montaxes unha licenza urbanística. Desde ese momento, mantivéronse diversas xuntanzas coa Deputación para indicar o camiño correcto e axilizar os trámites sen necesidade de facer requirimentos documentais en papel, logrando que a documentación final estivese lista e co informe técnico favorable onte.
Entre as esixencias técnicas autorizadas figuran un plan de emerxencias, un estudo de impacto acústico —imprescindible ao estar o recinto rodeado de vivendas— e un proxecto xunto coa certificación de instalación eléctrica en baixa tensión, dado que a capacidade eléctrica existente no convento non era suficiente para a actividade.
A licenza estipula un aforo máximo para o evento de 500 persoas, distribuídas cun límite de 150 na igrexa, 100 no coro e 250 nos xardíns. Como último paso antes da apertura, os promotores deberán achegar unha certificación de final de obra que permita validar que a instalación se fixo correctamente e acorde á licenza concedida.