O Concello abre a nova senda entre a Xunqueira da Gándara e o parque da Tomba

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores percorre parte do trazado xunto ás concelleiras María José Abilleira e Anabel Gulías.

O proxecto está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Concello de Pontevedra a través dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra. 

Pontevedra suma unha nova alternativa para gozar do seu patrimonio natural coa finalización da senda que conecta a Xunqueira da Gándara co parque forestal da Tomba. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, percorreu esta mañá o novo trazado de 1,8 quilómetros acompañado da concelleira responsable do rural, María José Abilleira, e a responsable de Turismo, Anabel Gulías.

O rexedor destacou que a creación deste camiño “forma parte dun proxecto máis ambicioso que é poñer en valor todo o territorio periurbano de Pontevedra”. Con esta actuación enlázase a zona da Xunqueira da Gándara, un Espazo Natural de Interese Local (ENIL) cuxos terreos o goberno local busca recuperar plenamente para a veciñanza, co parque da Tomba, na parroquia de Campañó. Este último espazo forestal conta con 80 hectáreas que foron acondicionadas durante o mandato pasado en colaboración coa comunidade de montes para o uso de toda a cidadanía.

Fernández Lores explicou que esta nova vía permite que a xente “poida saír da cidade, estar na xunqueira e logo pasar ata o parque da Tomba, que ten unhas vistas marabillosas sobre Pontevedra”. Segundo valorou, a senda constitúe “unha alternativa máis para facer deporte e gozar do patrimonio natural que temos ao lado da cidade”.

A obra civil desenvolveuse de maneira rápida nun prazo de dous meses e a empresa adxudicataria ultima pequenos detalles como o remate da colocación da sinalización, que conta con preto de quince paneis indicadores para guiar aos usuarios ata as vistas do parque natural.

O proxecto tivo un investimento de 158.000 euros. A súa execución lévase a cabo aproveitando o financiamento dos fondos europeos NextGenerationEU, xestionados a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD).

Compartir publicación: