A Policía Local desenvolveu durante os días 3, 17 e 22 de xuño unhas xornadas de formación sobre a coordinación e actuación policial en sinistros viarios graves, co obxectivo de perfeccionar os protocolos de intervención e fortalecer a coordinación cos distintos servizos de emerxencias que actúan neste tipo de situacións.
A acción formativa estruturouse nunha parte teórica na que se analisaron os protocolos internos de actuación da Policía Local ante sinistros viarios de especial gravidade, incidindo na coordinación cos diferentes organismos intervenientes, na distribución de funcións, na protección e aseguramento do escenario, na preservación de indicios para a investigación dos feitos e na correcta aplicación dos procedementos operativos. A formación completouse coa análise de casos reais e a resolución de supostos prácticos, permitindo compartir experiencias, unificar criterios de actuación e mellorar a toma de decisións en intervencións de elevada complexidade.
A xornada finalizou cun simulacro operativo na rúa Dolores Trabado, onde se recreou un escenario real de accidente de tráfico con múltiples intervinientes. Durante o exercicio, os axentes puxeron en práctica os coñecementos adquiridos, a coordinación entre patrullas, a xestión do escenario, a seguridade dos equipos actuantes e a cooperación cos servizos sanitarios e de emerxencias.
Este tipo de exercicios permiten adestrar situacións que, afortunadamente, non forman parte da actividade diaria, pero nas que unha resposta rápida e coordinada resulta determinante para salvar vidas, minimizar riscos e garantir unha atención eficaz ás persoas afectadas.