A campaña informativa de residuos “O novo é separar” remata mañá a súa primeira quenda no barrio de Campolongo

O concelleiro Xaquín Moreda visitou a carpa na praza de España e comprobou o interese que suscita entre a veciñanza que amosa curiosidade pola correcta clasificación dos residuos a través do xogo da ruleta de cores. 

A campaña “O novo é separar”, impulsada polo Concello e a empresa Prezero para mellorar a clasificacióndos residuos urbanos, recibiu hoxe na praza de España a visita do concelleiro de Servizos Básicos Urbanos, Xaquín Moreda e do representante da empresa concesionaria PreZero, Alfonso Silveira. A iniciativa avanza a moi bo ritmo cunha grande acollida por parte da veciñanza, que se achega con moito interese para resolver dúbidas e coñecer con exactitude os tipos de residuos que ten que separar nos seus fogares.

Para facilitar esta aprendizaxe, a campaña instalou os colectores das cinco fraccións (papel/cartón, envases, vidro, biorresiduos e resto) na praza de España. Durante a súa visita, Xaquín Moreda volveu a destacar o valor da acción para concienciar á cidadanía: “buscamos unha interacción proactiva e dinámica coa veciñanza grazas á ruleta de cores, un xogo onde as persoas demostran os seus coñecementos sobre os colectores e que nos axuda a afianzar o correcto proceso de reciclaxe na casa”. As persoas que participan nesta actividade lúdica reciben merchandising e material de apoio. Mañá martes, 30 de xuño, a actividade porá fin a esta primeira quenda no parque da Constitución en Campolongo en horario de tarde.

A estratexia xeral desta iniciativa busca facer fronte á problemática da presenza de impropios nos contedores equivocados. Neste sentido, a presenza a pé de rúa serve para poñer un foco especial no fomento e uso correcto do colector marrón destinado aos biorresiduos, que se atopa en fase de implantación en diversas zonas da cidade.

Logo da xornada de mañá en Campolongo, a campaña fará unha pausa estival e retomará a súa presenza nas rúas no mes de setembro, xusto despois da celebración da Feira Franca. Mentres tanto, o Concello lembra que a veciñanza ten á súa disposición a páxina web residuos.pontevedra.gal para consultar calquera información sobre a xestión dos residuos.

Compartir publicación: