O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores asina o decreto tras recibir a autorización de Augas de Galicia
A obra saca a tubaxe do leito do río para evitar verquidos e protexer a flora e a fauna locais
A actuación conta cun orzamento de 752.000 euros e a previsión de rematar antes do outono
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinou hoxe o decreto de emerxencia para a execución inminente das obras de renovación do colector de saneamento do río Gafos na contorna da estación de autobuses. A firma produciuse na mesma mañá tras recibir a autorización pendente de Augas de Galicia, o que permite o inicio dos traballos. A execución foi adxudicada á empresa Veolia.
O proxecto retirará as canalizacións do interior do río para situalas polas marxes, un fito posible tras conseguir o Concello os permisos de todos os propietarios dos terreos afectados e da propia estación de autobuses. Lores fixo fincapé na gravidade ambiental que motiva a vía de emerxencia para esta obra: “É unha emerxencia porque está contaminando o río e cos temporais do inverno caeron árbores que romperon máis o tubo, e ademais hai vertidos industriais que veñen do polígono do Campiño e afectan negativamente á flora e á fauna do río”, explicou o alcalde.
A intervención levarase a cabo de xeito acelerado durante o período estival. Aínda que os trámites de emerxencia contemplan un prazo legal de seis meses, o rexedor subliñou que os traballos deberanse concentrar en dous ou tres meses de verán. “Se non se fai antes de seis meses logo vai ser complicado facelo co caudal que traia o río; iso ten que estar executado antes do outono”, afirmou o alcalde para xustificar a premura da reparación.
A nivel técnico, a obra aumentará substancialmente a capacidade de xestión das augas ao substituír o actual tubo de 400 milímetros por un novo de 500 milímetros. A actuación intervén directamente sobre dous tramos de tubaxe (un de 280 metros e outro de 78) para integralos no novo colector. O orzamento total ascende a 752.314,78 euros, unha contía que se viu incrementada desde as previsións iniciais debido ás esixencias técnicas impostas por Augas de Galicia na súa autorización.
A renovación desta infraestrutura soluciona un tramo pendente do saneamento que non se puidera completar no seu día –con cargo a un convenio da Xunta– debido á negativa previa dos propietarios a ceder o paso pola marxe do río e á coincidencia coas obras da estación de autobuses. A actuación enmárcase na estratexia continuada do Concello de sacar os colectores do leito do río para garantir un control máis doado das posibles filtracións e roturas.