A nova ferramenta, desenvolvida pola empresa Vivential Value, integra 11 fontes de datos para orientar as políticas de promoción da cidade cara á desestacionalización e a calidade de vida
Os primeiros datos constatan un crecemento do turismo estranxeiro ata o 21% e un aumento das pernoctacións do 16% no primeiro trimestre de 2026
O proxecto está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Concello de Pontevedra a través dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra
A edil de Promoción da cidade, Anabel Gulías, presentou este martes o novo Observatorio Turístico de Pontevedra, unha ferramenta pioneira concibida para modernizar a estrutura de recollida de datos do municipio e orientar as futuras políticas turísticas. O proxecto, adxudicado á empresa barcelonesa Vivential Value, nace coa vocación de ser unha “ferramenta viva” a medio e longo prazo, baseada principalmente en fontes públicas que garantan a súa actualización constante.
Durante a presentación, na que tamén participou Rafael González, representante de Vivential Value, a concelleira Anabel Gulías subliñou que o obxectivo principal desta iniciativa é tomar decisións obxectivas que permitan promover a cidade sen sacrificar a calidade de vida da veciñanza. “Nunca tomamos decisións para termos un crecemento rápido a costa da nosa calidade de vida”, afirmou Gulías, quen recalcou a aposta do Goberno local pola desestacionalización a través de eventos deportivos e culturais, afastándose expresamente de modelos de turismo masificado ou de cruceiros.
O Observatorio Turístico de Pontevedra consolídase como un dos sistemas de intelixencia municipal máis completos de Galicia. A plataforma integra de xeito masivo 11 operacións estatísticas procedentes do Instituto Nacional de Estadística (INE), do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta, de AENA, e de fontes propias do Concello, como as estatísticas da web oficial e da oficina de turismo.
Entre as innovacións máis destacadas, o sistema recolle datos de telefonía móbil para analizar os fluxos de visitantes e inclúe un estudo de reputación en liña sobre a opinión dos turistas respecto á oferta de aloxamento.
Rafael González destacou que Pontevedra atópase “nunha fase de crecemento turístico”. Grazas a este observatorio, pódense extraer xa conclusións moi positivas sobre a evolución do destino:
- Aumento do turismo estranxeiro: Os datos de telefonía móbil reflicten que os visitantes estranxeiros pasaron de supor un 14% en 2024 a un 21% en 2025, destacando mercados como Francia, Portugal, Estados Unidos, Países Baixos e Alemaña.
- Crecemento das pernoctacións: No primeiro trimestre de 2026, a cidade rexistrou 34.000 pernoctacións, o que supón un incremento do 16% respecto ao mesmo período do ano anterior.
- Mellora na estadía media: Entre xaneiro e abril, a estadía media situouse en 1,8 noites, un 7% máis que no mesmo cuadrimestre do ano anterior, confirmando os esforzos de desestacionalización da cidade.
Aberto á cidadanía e ao sector
Un dos grandes piares deste Observatorio é o seu carácter aberto e transparente. “Non se pode gobernar sen compartir”, explicou Rafael González, incidindo en que os datos non son só para o Concello, senón tamén para o empresariado, o mundo académico e calquera residente.
Gulías confirmou que, logo de finalizar os actuais trámites de xustificación administrativa dos fondos europeos (PSTD), a ferramenta estará dispoñible e traducida ao galego na páxina web do Concello á volta do verán, permitindo consultas detalladas tanto a xornalistas como á cidadanía en xeral. Este novo panel unirase así aos xa existentes observatorios socioeconómico e cultural, consolidando a rede de información pública municipal.
O proxecto está incluído dentro do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Pontevedra e a Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra valorado en 2 millóns de euros. Este plan local forma parte do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral de Galicia. Os fondos dos que se benefician ambolosdous plans, foron distribuídos polo Ministerio de Industria y Turismo no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea