O Concello rexistra 182 comunicacións para celebrar fogueiras na noite de San Xoán e lembra as normas de seguridade

O Concello de Pontevedra pechou o rexistro para a celebración das tradicionais fogueiras da noite de San Xoán (23 de xuño) cun total de 182 comunicacións presentadas: 173 fogueiras son de carácter estritamente privado, impulsadas por persoas físicas a título particular e 9 solicitudes restantes corresponden a iniciativas de entidades, asociacións e colectivos do municipio.

As 9 fogueiras promovidas por agrupacións e colectivos, que adoitan xuntar a un maior número de persoas, celebraranse nas seguintes localizacións:

  1. Asociación Cultural da Piolla: A Piolla – Lérez.
  2. Asociación Fogueira San Xoán A Armada: Monte de Salcedo, A Armada.
  3. Asociación Veciñal e Cultural Salcedo-Norte: Na rotonda San Brais, na parte superior do Centro Comercial Carrefour.
  4. Asociación de Veciños Ponte Muiños: Matos de Arango – Urbanización Ponte Muiños.
  5. Asociación CS A Pedreira: Avda. Bos Aires (nos antigos terreos de Tafisa).
  6. CMVMC Verducido: (Campo de fútbol de Pechecho), Verducido.
  7. AAVV Eduardo Pondal: Avda. Otero Pedraio (fronte ao local de ensaios musicais).
  8. Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra: Cons, 32 – Mourente.
  9. Asociación de Profesionais e Pequenos Empresarios da Parda: San Mauro, 35.

O Concello fai un chamamento á responsabilidade e lembra o bando emitido coas normas obrigatorias para garantir unha celebración segura e sen incidentes:

  • Dimensións e distancias de seguridade: O diámetro máximo da zona de combustión da fogueira non pode superar os 4 metros de ancho nin os 2 metros de altura. Ademais, debe gardarse unha distancia mínima de 15 metros respecto a calquera edificación ou árbore. Por seguridade, as persoas asistentes non poderán situarse a unha distancia inferior á do ancho da fogueira respecto ao seu perímetro exterior.
  • Zonas prohibidas: Queda terminantemente prohibido facer fogueiras sobre vías públicas pavimentadas, xardíns e zonas verdes en xeral. Tampouco se permite o lume debaixo de árbores, tendidos eléctricos ou telefónicos, balcóns, terrazas ou marquesiñas.
  • Materiais permitidos: Exclusivamente se autoriza a queima de leña, pólas, toros de árbores e vellos materiais de madeira.
  • Materiais prohibidos: Non se poden utilizar pneumáticos, plásticos, latas, botellas, materiais con PVC, aceites, líquidos combustibles, substancias explosivas nin aerosois (estes últimos, aínda que estean baleiros, poden provocar importantes explosións).
  • Deberes da organización e emerxencias: A persoa organizadora comprométese a ter dispoñible un teléfono móbil en funcionamento durante todo o evento. Ante calquera incidencia, a cidadanía debe contactar cos servizos de emerxencias: Bombeiros (080), Policía Local (092) e Protección Civil (986 871 188). Finalmente, sublíñase a obriga de acatar en todo momento as instrucións que poidan ditar os axentes da Policía Local ou do Corpo de Bombeiros.

Compartir publicación: