O parque de auga de Rosalía de Castro xa está aberto para combater a calor do verán

Como xa é habitual nos últimos anos, a apertura fíxose coincidir co remate do curso escolar para ofrecer un espazo lúdico ás crianzas.

As instalacións funcionan en horario ininterrompido de 10.00 a 22.00 horas e contan cun circuíto pechado para non desperdiciar recursos hídricos. 

Dende o pasado venres, 19 de xuño, está aberto e a pleno rendemento o parque de xogos de auga situado no parque de Rosalía de Castro. Seguindo a dinámica posta en marcha nos últimos anos, a apertura das instalacións fíxose coincidir co remate do curso escolar para loitar contra as altas temperaturas propias do verán e para o lecer dos máis pequenos.

O recinto ten un horario de funcionamento diurno e ininterrompido, dende as 10.00 ata as 22.00 horas. As instalacións están equipadas con diversos dispositivos pensados para a diversión e o refresco, entre os que destacan canóns tipo ‘Tube’ con rotación de 360 graos, un arco ‘Spray Loop’ xerador de suaves brétemas de auga, e distintos soportes con chorros xiratorios e efectos de campá.

Un dos puntos chave desta infraestrutura é o seu funcionamento respectuoso co medio ambiente. Todos os elementos acuáticos actúan a través dun circuíto pechado que dispón dun sistema automático de depuración. Deste xeito, garántese que non se perdan recursos hídricos durante o xogo.

Amais, o sistema incorpora unha bomba de filtración e un controlador químico que realiza lecturas constantes da calidade da auga, detendo a subministración no caso de que non se cumpran os parámetros establecidos de cloro e PH. Este exhaustivo control previo garante un baño totalmente seguro e o estrito cumprimento de tódolos requisitos sanitarios para a cidadanía.

Cabe lembrar que os distintos xogos están construídos segundo a Norma Europea EN1176, utilizando materiais de longa durabilidade como o aceiro inoxidable ou o cobre, provistos de parafusos antivandálicos e de sistemas de protección para evitar danos ao xogar.

Compartir publicación: