A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a licitación da subministración de combustible para o parque móbil e os edificios municipais, así como o contrato para a prevención da lexionelose en 39 centros públicos.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, informou dun novo acordo para a expropiación de tres novos terreos destinados á futura zona verde da unidade de actuación 23 (UA-23), situada entre a vía do tren e a rúa Ernesto Caballero.
Trátase dunha avinza ou mutuo acordo cun único propietario para a adquisición das parcelas número 8, 9 e 10, que suman unha superficie conxunta de 850,39 metros cadrados. O custo total desta operación ascende a 242.023,12 euros.
Con esta nova compra, o Concello xa é titular de 5.345,79 metros cadrados, o que representa o 72,69% dos 7.353,43 metros cadrados que conformarán a totalidade da nova zona verde. O rexedor explicou que quedan pendentes de adquirir uns 2.000 metros cadrados distribuídos en cinco parcelas (as número 1, 3, 4, 6 e 7). Dúas destas propiedades atópanse nunha fase de negociación “avanzada”, mentres que as tres restantes presentan maiores dificultades técnicas debido a problemas cos propietarios ou herdanzas sen partir, unha situación habitual en Galicia.
O orzamento total estimado polo Concello para este proxecto, sumando as expropiacións e a posterior execución do parque, supera os 3 millóns de euros.
Subministración de combustible para vehículos e edificios
Por outra banda, a Xunta de Goberno deu luz verde ao expediente de contratación para a subministración de combustible destinado aos vehículos e á maquinaria de calefacción do Concello. O contrato sae a licitación cun orzamento de 331.999,99 euros e un prazo de execución dun ano, con posibilidade de prorrogarse por outro máis.
A licitación dividirase en dous lotes: un máis grande destinado a todos os vehículos municipais e un segundo para os edificios públicos, incluíndo os colexios.
Finalmente, aprobouse tamén o expediente de contratación para o mantemento e a prevención da lexionelose nos sistemas de calefacción e auga quente sanitaria dos edificios municipais. O alcalde subliñou que se trata dun contrato de elevado custo derivado dunha lexislación actual “absolutamente esixente e complicada”.
O orzamento ascende a 710.459,97 euros para un prazo de tres anos, coa posibilidade dunha prórroga de ata dous anos adicionais. O servizo cubrirá un total de 39 centros de titularidade municipal: 21 centros de ensinanza básica, 1 escola infantil, 15 edificios e instalacións (incluíndo pavillóns e campos de fútbol), o parque de bombeiros e a nave taller das brigadas. Entre os traballos a realizar inclúense a revisión das instalacións, os plans de control, as lecturas de depósitos, as limpezas e desinfeccións, as purgas e o control de puntos terminais como billas e duchas.