Abre o prazo para presentar solicitudes de hostalaría, mercado, xantares e ceas para a Feira Franca 2026 

As persoas interesadas poderán a partir de mañá, 15 de xuño, e até o 15 de xullo, remitir as súas peticións de xeito telemático na web https://feirafranca.pontevedra.gal/, ou de xeito presencial na oficina da Feira Franca situada no edificio Teatro Principal, entrada polo lateral, no cuarto andar 

Feira Franca, Festa de Interese Turístico Galego, será celebrada na cidade de Pontevedra entre o 4 e o 5 de setembro, seguindo a tradición de ocupar o primeiro fin de semana do nomeado mes.

Desta volta, o prazo para presentar solicitudes para hostalaría, mercado e/ou xantares e ceas estará aberto entre o 15 de xuño e o 15 de xullo de 2026, ámbolos dous incluídos. A oficina, ten xa abertas as súas portas.

As solicitudes poderán ser presentadas de dúas formas posíbeis: de xeito telemático, a través da web oficial https://feirafranca.pontevedra.gal/, nos formularios que se habilitarán na sección correspondente; ou de xeito presencial na nomeada oficina da Feira Franca, que estará situada no edificio do Teatro Principal, entrándose polo lateral do mesmo, no cuarto andar, tal e como o ano pasado.

O horario de atención ao público será de 10 a 14 horas, ademais do teléfono 986 86 05 87 e o enderezo electrónico feirafranca@pontevedra.gal.

O programa será presentado no seu momento, ao tempo que a temática deste 2026.

A Feira Franca é, dende hai dúas décadas, unha cita ineludíbel para as xentes de Pontevedra e os milleiros de visitantes que veñen gozar dela, procedentes de todos os recunchos do país e máis alá das nosas fronteiras; un peche apoteósico dos días de verán creado por e para a xente; unha viaxe ao século XV participada por toda unha cidade; unha vivencia única habitada por artesáns, canteiros, ferreiros, palilleiras, cesteiros, oleiros, redeiras, carpinteiros, músicas, xograres, campesiños, toneleiros, artistas, comerciantes, damas e cabaleiros que nos achegan o tempo do privilexio concedido a Pontevedra polo rei Henrique IV, no ano 1467, en virtude do cal se autorizaba a celebración dun mercado libre de impostos dun mes de duración.

A Feira Franca, que ten lugar na zona monumental da capital do Lérez todos os anos na primeira fin de semana de setembro, toma forma dende o ano 2000 coa organización de diversas actividades lúdicas de raigame histórica, que van dende a representación do transporte do viño ou o imperdíbel torneo medieval, ata os espectáculos de cetraría, tiro con arco, esgrima ou as exhibicións de música e danza que enfeitizan as xornadas do venres a partir do serán e mais de todo o sábado. Pero, sobre todo, o que fai especial e distinta esta festa medieval, declarada Festa de Interese Turístico pola Xunta de Galicia en 2013, son os milleiros de persoas que se visten de época para xantaren nas prazas e rúas, en mesas montadas e decoradas por elas mesmas, seguindo as pertinentes normas estéticas e utilizando tan só materiais existentes na segunda metade do século XV, conformando unha obra deleitosa na que o público é tamén actor sobre o escenario da cidade vella.

Compartir publicación: