O proxecto está financiado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Concello de Pontevedra a través dun convenio de colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra.
O Concello de Pontevedra iniciará as obras de renovación e mellora da eficiencia enerxética no Mercado de Abastos o vindeiro 1 de setembro. A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, confirmou esta data de inicio tras manter conversas entre o equipo técnico do Concello e os usuarios da Praza, cos que se acordou compatibilizar a maior parte da actuación coa actividade comercial diaria.
Segundo explicou Anabel Gulías, a decisión de aprazar o inicio dos traballos ata despois do verán tomouse para dar resposta ás peticións do persoal de non afectar á campaña estival e, fundamentalmente, para ter garantías totais de subministro de materiais. A concelleira incidiu en que se desbotou a idea de empezar antes para non arriscar a facer traslados e montar a loxística de obra e que despois, por algún problema burocrático ou técnico cos materiais, se paralizase o traballo, o que suporía un grave problema para as vendedoras. Deste xeito, o 1 de setembro asegura un inicio con tódalas garantías de execución continua.
O proxecto, que conta cun orzamento de licitación de 518.732,13 euros céntrase na desmontaxe da estrutura actual e na substitución do lucernario principal do edificio. Instalarase unha nova cuberta con vidros tecnolóxicos de control solar e unha “segunda pel” interior. Esta infraestrutura está concibida para evitar a filtración dos raios infravermellos, garantindo o mellor illamento térmico e a protección e conservación óptima da mercadoría fresca (como peixe, froitas, verduras e flores) que se ofrece na planta baixa.
Ademais de mellorar as condicións hixiénico-sanitarias e de confort, a intervención contará cun deseño artístico retroiluminado con LED.
O proxecto está incluído dentro do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Pontevedra e a Axencia de Turismo de Galicia para a execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) de Pontevedra valorado en 2 millóns de euros. Este plan local forma parte do Plan Territorial de Sustentabilidade Turística do Litoral de Galicia. Os fondos dos que se benefician ambolosdous plans, foron distribuídos polo Ministerio de Industria y Turismo no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.