A Concellaría de Patrimonio Histórico, dirixida por Alberto Oubiña, realizou traballos de limpeza, roza de herbas, eliminación de pintadas… para que estén en bo estado de cara á recepción dos visitantes do verán.
A Concellaría de Patrimonio Histórico, xestionada polo concelleiro Alberto Oubiña, promoveu nestas semanas distintas actuacións para a «posta a punto» dos espazos arqueolóxicos e patrimoniais ao aire libre na cidade. Os traballos centráronse na conservación dos restos da antiga muralla do Campiño de Santa María e dos achados arqueolóxicos situados na praza de Valentín García Escudero, xunto á Ponte do Burgo.
Estes traballos forman parte das actuacións habituais que se fan para o mantemento destes espazos patrimoniais como a limpeza de sucidade xeral, a roza das herbas que van medrando e a eliminación de pintadas detectadas na sinalización ou limpeza de mobiliario urbano que completa o conxunto. O obxectivo é manter estas zonas emblemáticas no mellor estado posíbel para as visitas previstas ao longo dos vindeiros meses.
Máis alá das tarefas básicas de limpeza, a Concellaría tamén realizou unha intervención paisaxística na parte baixa da contorna do Campiño e da Basílica de Santa María. Supuxo a eliminación de 300 metros cadrados de agapantos para crear unha nova pradería con semente dado que a plantación anterior non estaba recomendada para a conservación dos achados arqueolóxicos.
Unha das intervencións máis delicadas foi a eliminación manual da vexetación existente entre as pedras da antiga muralla. Para evitar danos no patrimonio e non arrincar o morteiro orixinal que une as pedras, os operarios empregaron unicamente tesoiras ou fouciños nestas estruturas, reservando a maquinaria só para o perímetro.
O mantemento destas estruturas patrimoniais obedece a un plan de mantemento anual con intervencións intensivas completas concetradas en catro épocas do ano (abril-maio, xuño, agosto e decembro); intervencións puntuais nos meses de febreiro, marzo e xullo; e revisións mensuais durante a primavera para detectar e limpar de xeito temperán as herbas de rápido crecemento ou gran tamaño que poidan desmerecer os xacementos.