O Concello inicia os traballos de mantemento e poda no arborado da Alameda

A Concellaría de Servizos Urbanos Básicos, xestionada polo concelleiro Xaquín Moreda, comezou onte os traballos de mantemento e posta a punto do arborado situado na Alameda unha vez pasado o período de chuvias do inverno.

Estas tarefas céntranse na mellora estrutural e de saúde da masa arbórea deste céntrico parque urbano. En concreto, os operarios están a realizar labores de poda, limpeza de ramas secas, clareo das copas e a retirada daquelas ramas que se atopan entrelazadas. Estas intervencións estanse a levar a cabo nos diferentes exemplares de gran porte que conforman as ringleiras do paseo, entre os que destacan especies centenarias como os plátanos de sombra, carballos do país e tilos. Para levalas a cabo, os especialistas están a realizar traballos en altura.

Para garantir a máxima seguridade da cidadanía durante o desenvolvemento destas intervencións, o espazo de actuación atópase estritamente acotado e delimitado con cintas de sinalización. Esta medida preventiva ten como obxectivo principal evitar que se produzan desprendementos de madeira e restos vexetais que poidan facerlle dano ás persoas que transitan e pasean habitualmente por esta contorna.

Compartir publicación: