O Concello pon en marcha a vindeira semana a recollida de residuos comercial “porta a porta” no centro histórico

O martes 19 comeza o reparto de colectores pola concesionaria PreZero, activando as rutas de recollida ao día seguinte en cada local, nun plan que permitirá retirar os contedores públicos da zona monumental. 

O Concello de Pontevedra iniciará o vindeiro martes 19 a nova recollida selectiva de residuos comercial “porta a porta” no centro histórico. Este novo servizo, que implanta en colaboración coa empresa concesionaria da xestión de residuos, PreZero, implica a case 300 locais da zona monumental e permitirá recoller cinco fraccións de residuos de xeito individualizado nos propios establecementos, marcando un fito na limpeza e na xestión de residuos da cidade.

A operatividade deste novo sistema comezará oficialmente co reparto por parte do persoal de PreZero dos recipientes aos comercios co obxectivo de poder iniciar nesa mesma semana a recollida das cinco fraccións. O despregamento farase de xeito paulatino entregando os colectores a un grupo de locais cada día. A dinámica consistirá en que, cada vez que se entreguen os recipientes, implementarase a ruta de recollida xusto ao día seguinte e este proceso irase repetindo xornada a xornada ata ter a ruta totalmente consolidada.

O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, explicou que se realizou un intenso traballo de campo previo nos locais para coñecer os residuos que xeran e adaptar a recollida ao volume e á actividade de cada un deles. Sobre isto, destacou que “estamos a facer un traxe a medida para que o servizo sexa eficiente e responda á realidade de cada actividade económica”. Ademais, incidiu en que o modelo está concibido para ser moldeable ante o día a día dos negocios: “Isto é un punto de partida que se irá adaptando”. Para afianzar este proceso, o concelleiro mantivo recentemente dúas reunións co sector comercial do centro histórico para informar do funcionamento do novo sistema, coñecer a súas impresións e tratar de consensuar horarios de recollida.

Redundando na campaña de información, a concesionaria PreZero entregará un folleto a cada establecemento no que consta que cada comercio ten a obriga de separar adecuadamente os seus residuos debidamente clasificados. A través deste servizo, recolleranse as cinco fraccións con diferentes frecuencias semanais: tanto o vidro comercial como os biorresiduos terán unha recollida diaria; a fracción resto retirarase os luns, mércores e venres; a embalaxe lixeira recollerase os martes, xoves e sábados; e o papel e cartón retirarase todos os días de luns a sábado.

O concelleiro de Servizos urbanos básicos lembra que separar adecuadamente os residuos non é algo voluntario, senón unha obriga legal de estrito cumprimento cuxo incumprimento pode derivar en sancións para o local. Non obstante, para axudar aos negocios a cumprir con este deber coa maior comodidade posible, o Concello pon á súa disposición este sistema de recollida selectiva “porta a porta”.

Eliminación de colectores

Unha das transformacións máis importantes que traerá este novo sistema “porta a porta” será a eliminación progresiva dos actuais colectores permanentes nas rúas da zona monumental. No seu lugar, o Concello pasará a instalar por horas “illas emerxentes” destinadas exclusivamente para o uso da veciñanza, liberando así o espazo público o resto do día. Consciente da envergadura desta medida para o comercio e a veciñanza, Xaquín Moreda fixo un chamamento á colaboración sinalando que “é un cambio radical, para interiorizala hai que dar moita información e ir pouco a pouco titorizando todo este novo sistema”.

Con esta recollida no centro histórico, o goberno local busca consolidar un cambio de xestión dos residuos na cidade. O obxectivo final é preservar o patrimonio e a principal carta de presentación da cidade, eliminando os contedores das rúas para mellorar drasticamente a imaxe e a limpeza da contorna. Como resumiu o propio concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, “o obxectivo é claro: separar, separar e separar, tamén no comercio”.

Novos colectores marróns

En paralelo a este despregamento comercial, a empresa concesionaria PreZero mantén un intenso ritmo de traballo estes días coa instalación da nova contenerización na rúa. Actualmente, estanse a compaxinar os traballos de colocación dos colectores grises (fracción resto) e dos marróns (biorresiduos). Estes recipientes veñen sumarse aos colectores azuis (papel e cartón), amarelos (envases lixeiros) e verdes (vidro), que xa se atopan totalmente despregados polo municipio. Polo de agora, dos 885 colectores grises de carga lateral previstos, quedan 56 por instalar, mentres que dos 355 colectores marróns proxectados restan 153 unidades por colocar. A previsión é rematar con toda a carga lateral nestas dúas vindeiras semanas para, a continuación, comezar coa instalación dos contedores de carga traseira, pensados para aquelas rúas que dispoñen de menos espazo.

A toda esta renovación dos colectores súmase a posta en marcha da nova maquinaria de limpeza e recollida. Esta mesma semana presentouse e entrou en funcionamento a última gran quenda da frota, composta por 23 novos vehículos propulsados a gas e enerxía eléctrica. Esta nova achega vén completar un amplo parque móbil que se foi despregando de xeito paulatino ao longo dos últimos meses —coas entregas de equipos en outubro e decembro do ano pasado— e que permite que o novo contrato acade o 100 % da súa capacidade mellorando a xestión dos residuos en toda Pontevedra.

Compartir publicación: