A competición celebrarase no Complexo Deportivo Rías do Sur entre os días 29 e 31 maio, reunindo a centos de deportistas chegados de todo o mundo
O Complexo Deportivo Rías do Sur da cidade de Pontevedra converterase no epicentro internacional dos deportes acuáticos do 29 ao 31 de maio coa inminente celebración da Copa do Mundo de natación artística. Esta mañá tivo lugar a comparecencia oficial de presentación, que serviu para confirmar a enorme expectación xerada polo evento: as entradas esgotáronse aos 20 minutos de saír á venda.
A rolda de prensa contou coa intervención inicial de Fernando Carpena, presidente da Real Federación Española de Natación (RFEN), quen agradeceu os anos de frutífera colaboración co Concello de Pontevedra e encomiou as magníficas instalacións da Fundación Rías do Sur.
Carpena detallou a magnitude desta cita deportiva, na que participarán 29 países representando a catro dos cinco continentes, desprazando a unhas 450 persoas a pé de piscina entre organización e deportistas. O presidente destacou que Pontevedra se une así a un prestixioso circuíto mundial do que xa forman parte cidades como París, Medellín ou Toronto. Respecto ao equipo español, formado por un elenco de 17 nadadoras que mesturan mocidade e veteranía, Carpena asegurou que a selección “loitará por todo” fronte a rivais de altísimo nivel como Estados Unidos, Italia, Gran Bretaña ou Canadá.
A comparecencia tamén contou coa presencia da nadadora pontevedresa Daniela Suárez, que logrou transmitir o seu enorme orgullo por poder disputar esta Copa do Mundo na súa cidade, arroupada por familiares e amigos logo de meses de intenso traballo. A deportista revelou unha das grandes sorpresas do campionato: a selección española estreará na auga unha nova coreografía ao ritmo da música de Rosalía. Trátase dun exercicio innovador que se presentará por primeira vez ante o público pontevedrés.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, foi o encargado de pechar o acto, destacando o labor e a colaboración de todas as entidades implicadas. O rexedor lembrou o importante esforzo que fixo o concello no ano 2023 para reabrir a piscina olímpica de Rías do Sur, pechada dende a pandemia, así como o paso adiante que supuxo a fusión dos dous clubs de natación artística da cidade nesa mesma época. Lores subliñou os beneficios deste tipo de competicións, xa que “mellora a economía de Pontevedra e o posicionamento da marca cidade a nivel mundial”, supoñendo un retorno directo e indirecto inestimable para a zona.
Na presentación tamén interveu Ramón Pereiro, en representación da Xunta de Galicia, quen quixo destacar que a venda de máis de 1.300 entradas evidencia a enorme ilusión existente por ver competir ás mellores seleccións do mundo na nosa comunidade, situando a Galicia no centro do deporte internacional.
Con todo preparado e unha expectación máxima, a cidade do Lérez prepárase para gozar dun espectáculo deportivo de primeiro nivel e alto risco competitivo, que servirá de proba fundamental de cara a futuras citas olímpicas.