O Concello adxudica a Larus Control o contrato de xestión
A Xunta de Goberno aprobou tamén esta mañá o acordo marco para a subministración de material de oficina e imprenta, cun orzamento global de máis de 177.000 euros.
A Xunta de Goberno aprobou esta mañá a adxudicación do servizo para o control de gaivotas e pombas na zona urbana. A empresa adxudicataria do servizo será LARUS CONTROL SLNE, por un prezo de 45.466,62 euros (IVE engadido). Este contrato terá unha duración inicial de dous anos, coa posibilidade de engadir ata tres anos de prórroga.
O obxectivo principal deste servizo é xestionar e controlar as poboacións de gaivota patiamarela e pomba común, manténdoas estables e por debaixo dos límites de tolerancia. Con isto búscase previr posibles pragas, evitar danos nos edificios, impedir ataques ás persoas durante a época de cría e garantir a salubridade pública, actuando sempre baixo estritos criterios de benestar animal.
A empresa encargarase, entre outras tarefas, de elaborar censos anuais, retirar niños e postas de ovos (priorizando o control antes do nacemento), rescatar aves atrapadas ou feridas, e realizar trampeos de pombas con gaiolas. Ademais, habilitarase un teléfono e un correo electrónico para ofrecer asistencia técnica á cidadanía en menos de 3 días, xunto coa realización de campañas informativas. A prestación operativa sobre o terreo levarase a cabo do 1 de abril ao 31 de agosto.
Material de oficina e imprenta
Doutra banda, a Xunta de Goberno tamén aprobou o acordo marco para a subministración de artigos de material de oficina, papel e material de imprenta. Este contrato, que ten unha duración de dous anos conta cun orzamento global de licitación de 177.348,42 euros.
O contrato divídese en seis lotes diferentes. Os catro primeiros lotes (que cobren as áreas de Alcaldía, Urbanismo, Benestar Social e outros servizos municipais) foron adxudicados á empresa LUCAS ROJAS, S.L., que presentou unha vantaxosa baixa do 48% sobre o cadro de prezos, ademais de reducir os prazos de entrega a 24 horas e os de contestación a 12 horas.
Os dous lotes restantes, correspondentes ao material de imprenta para o Órgano de Tesourería e demais servizos, foron adxudicados a PUBLIPRINTERS GLOBAL, S.L., cunha rebaixa do 29% e melloras que reducen o prazo de entrega a 4 días hábiles.