O Concello e Prezero presentan a maquinaria que completa o despregamento da flota do servizo de residuos

Presentáronse  23 novos vehículos que se porán en marcha hoxe mesmo.

A nova maquinaria, xunto á presentada nos pasados meses, conforma a práctica totalidade da frota. 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, e os representantes da empresa concesionaria Prezero, presentaron esta mañá a última gran parte da frota do servizo de limpeza e recollida de residuos. Son 23 novos vehículos que comezan a operar de forma inmediata nas rúas da cidade.

A nova maquinaria está conformada por vehículos propulsados a gas e enerxía eléctrica. O catálogo exposto hoxe inclúe:

Tipoloxía do vehículoCantidade
Varredoira sobre chasis 6 m³1
Baldeadeira de calzadas 8 m³3
Baldeadeira 2 m³1
Vehículo Brigada 3,5t Eléctrico3
Furgón Hidrolimpiador Auga Quente Eléctrico2
Furgón Taller2
Gancho1
Recolector CT (Carga Traseira) 5 m³3
Recolector lateral 25 m³6
Autocompactador 20 m³1

Durante a presentación o alcalde cualificou as novidades como “un paso adiante importantísimo respecto á recollida de residuos, o tratamento e tamén a limpeza viaria”, engadindo que o servizo entra “na fase do 100% da capacidade que vai a ter este contrato para mellorar a calidade de vida dos cidadáns de Pontevedra”.

Fernández Lores tamén aproveitou a ocasión para facer un chamamento ao compromiso da veciñanza para alcanzar os obxectivos de reciclaxe, lembrando que a tecnoloxía debe ir acompañada da colaboración: “os residuos cando se separan, se recollen separadamente, se tratan, se reciclan son, un recurso e cando se verten son unha especie de bomba de reloquería”, advertiu, subliñando a necesidade de reducir ao máximo o lixo que remata nos vertedoiros ou nas prantas de incineración.

Estes 23 vehículos veñen a completar un amplo parque móbil que se foi despregando ao longo dos últimos meses. No pasado mes de decembro, o Concello xa presentara outro lote que incluía 15 triciclos eléctricos para pequenas limpezas e revisión de composteiros, 9 furgonetas, 3 varredoiras (dúas delas de 5 m³ para grandes vías e unha decapadora para zonas peonís) e un tractor para rozas nas zonas periurbanas.

Previamente, na primeira entrega de outubro, incorporáronse 21 equipos clave para o traballo diario: 10 carros portacaldeiros 100% eléctricos con hidrolimpadora incorporada para o varrido manual, unha gran varredoira dual con tres cepillos e sistema de insonorización, e 5 vehículos auxiliares eléctricos tipo “pick-up” para as actuacións en contornas rurais.

Malia que a frota exposta hoxe supón o groso do servizo, aínda restan por incorporar sete vehículos (camións) que xa están carrozados.

Compartir publicación: