As obras de emerxencia do Teatro Principal avanzan a bo ritmo coa instalación das estadas para desmontar o teito 

O teito de escaiola do anfiteatro xa foi derrubado esta semana, mentres o Concello estuda as solucións técnicas definitivas. 

As obras de emerxencia no Teatro Principal de Pontevedra continúan o seu curso e avanzan a bo ritmo. Hoxe mesmo comezaron os traballos de instalación das estadas necesarias para proceder á desmontaxe das zonas de xeso situadas na parte superior do teatro, despois de que ao longo desta mesma semana xa se levara a cabo o derrubo da escaiola da parte baixa do anfiteatro.

Para poder erguer estas estadas e acometer a reparación con garantías, foi preciso retirar previamente todas as butacas do recinto, o que deixou unha imaxe completamente atípica co patio de platea baleiro.

Estes traballos enmárcanse nas obras de emerxencias que contan cun investimento de máis de 250.000 euros, logo do peche das instalacións no mes de marzo provocado polo desprendemento do teito debido a un vicio oculto na construción de hai corenta anos. Previamente a estes labores de desmontaxe, xa se levara a cabo un escaneo 3D para obter un levantamento milimétrico e preciso das formas dos falsos teitos. Actualmente, os técnicos municipais seguen a estudar as alternativas para repoñer o teito, valorando mesmo o emprego da madeira en substitución da escaiola, co obxectivo prioritario de garantir a máxima seguridade e manter as excelentes capacidades acústicas de difusión do espazo.

Compartir publicación: