A campaña comeza polas parroquias do norte cun equipo mecanizado e brigadas a pé.
O Goberno local esixe o cumprimento íntegro á empresa para acadar dúas pasadas anuais.
A Concellaría do Rural, dirixida por María José Abilleira, vén de iniciar a campaña de roza nas estradas e camiños municipais coincidindo coa chegada da primavera. Esta actuación responde á necesidade estratéxica de atallar o crecemento da maleza provocado polas chuvias do inverno, co obxectivo de que as vías se manteñan en perfectas condicións de seguridade e uso durante todo o ano, pero especialmente de cara á tempada estival.
Neste 2026, os traballos estanse a iniciar polas parroquias do norte pontevedrés, arrancando concretamente en Santo André e continuando por Santa María e Verducido, para ir avanzando progresivamente ata a zona sur do municipio. O plan anual do Goberno local, sustentado nun contrato de case medio millón de euros, é ter a primeira volta rematada no verán para logo realizar cando menos unha segunda pasada completa por todas as parroquias. Neste sentido, a concelleira María José Abilleira sinalou que: “arranca agora a roza do ano 2026, e en función de como se vaia desenvolvendo, a concellaría determinará o inicio da segunda roza no rural”.
A actuación abarca un total de 350 quilómetros de vías municipais nas 15 parroquias do rural. Para levala a cabo, estase a empregar unha metodoloxía mixta: un equipo mecanizado con tractor para os treitos principais e brigadas de limpeza a pé para as zonas máis inaccesibles ou de carácter máis urbano.
Cómpre destacar que arredor do 70% destas limpezas concéntrase exclusivamente nas beiras das estradas, espazos invadidos de forma habitual pola vexetación que medra dende as fincas particulares. Todos os traballos están a quedar xeorreferenciados, permitindo ao Concello saber con exactitude en que vías se actúa en cada momento. Ademais, aplícase un criterio medioambiental: mentres que nos contornos habitados retíranse os restos, nos ámbitos forestais a roza déixase no chan para que sirva de nutriente vexetal.
O servizo non se limita ás estradas, xa que tamén inclúe a roza e limpeza de espazos singulares como contornas de praias, accesos a infraestruturas e locais sociais, e contempla baixo demanda a retirada das cachopas e corta de árbores. Ante a proximidade da época estival, a concelleira fai un chamamento específico: se as comisións ou a veciñanza precisan limpezas extraordinarias nos campos da festa para as celebracións do verán, deben poñerse en contacto directo coa Concellaría para axilizar estas limpezas.
A execución técnica do contrato corre a cargo da empresa Audeca S.L.U. Tras as graves deficiencias rexistradas no servizo durante o pasado ano que foron corrixidas ante as amezas de rescindir o contrato ou aplicar sancións á empresa, nesta nova campaña o escenario cambia. O Goberno local decidiu dar un “voto de confianza” nesta campaña de 2026 logo de obter o “firme compromiso” da concesionaria de que a mala xestión e a situación do ano anterior non se van repetir, garantindo así un despregamento eficaz dos medios no rural pontevedrés.