Pontevedra converterase no epicentro da música coral galega co concerto colectivo “As rúas do vento ceibe” da man da Fundación Manuel María

O vindeiro 29 de maio ás 20.30 horas, o Pazo da Cultura acollerá este macroespectáculo que reúne a máis de 300 persoas sobre o escenario para musicar a obra de Manuel María, Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro.

O evento, que na nosa cidade será de entrada libre ata completar cabida, foi desenvolto coa colaboración de numerosas entidades musicais e institucións e contará cun pase o día 15 de maio en Lugo e outro o día 30 de maio en Santiago de Compostela.

A Orquestra Sinfónica de Pontevedra, a Coral Polifónica de Pontevedra e o Coro do IES A Xunqueira 1 serán as entidades musicais locais que farán parte deste proxecto, dirixido por David Fiuza.

O Concello de Pontevedra presentou esta mañá o concerto sinfónico-coral “As rúas do vento ceibe”, unha produción de “longuísimo alcance e enorme complexidade” que terá lugar o próximo 29 de maio ás 20.30 horas no Pazo da Cultura. O evento, que nace dunha colaboración entre a Fundación Manuel María e diversas entidades musicais, destaca pola súa magnitude, con preto de 300 intérpretes en escena.

O edil de Cultura Demetrio Gómez,  subliñou o orgullo que supón para a cidade participar nunha produción que “contribúe dunha maneira tan importante a que Galiza teña unha cultura, unha literatura e agora tamén unha produción musical que pode medirse coa de calquera país do mundo”. Segundo explicou o concelleiro, este proxecto destaca pola forte implicación do tecido cultural local, contando coa participación da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, a Coral Polifónica e o coro do IES A Xunqueira. “Para nós é un orgullo poder colaborar nesta produción e poder darlle esta nova vida a poemas tan importantes”.

Pola súa banda, Alberte Ansede, presidente da Fundación Manuel María, detallou que este proxecto se leva fraguando “a lume lento desde o ano 2018.   A obra central baséase no libro homónimo de Manuel María publicado en 1979, unha obra que o autor escribiu coa liberdade que non tivo durante o fascismo e que conserva actualidade absoluta”.

O espectáculo, dirixido por David Fiuza e coas composicións de Xosé Carlos Oliveira (Carlos Serán), contará tamén coa mezzosoprano Julia Portela. O coro adulto estará integrado  polo Coro de Cámara Thalassa de Marín, Coro do Hospital de Lugo, Coro Liceo de Vilagarcía, Coral Solfa de Compostela e a Sociedade Coral Polífónica de Pontevedra. O coro xuvenil estará conformado polos coros do IES A Xunqueira 1 de Pontevedra, Voces da Terra Chá de Lugo e Peque Coro in crescendo de Ferrol. Ansede destacou este aspecto xa que “non vai ser unha sucesión de actuacións dos diferentes coros, é un coro conxunto feito por cinco coros no caso dos adultos e 3 no caso dos xuvenís. Imaxinen o traballo que hai detrás

O concerto estruturarase en dúas partes: unha primeira centrada en poemas de Rosalía, Manuel María e Celso Emilio Ferreiro, e unha segunda parte dedicada integramente ás sete pezas que conforman “As rúas do vento ceibe”, centradas na definición do país, a súa cultura e a súa identidade. Ansede fixo fincapé no valor interxeracional dos coros e en que non se trata dun espectáculo pasivo, xa que o proxecto inclúe a gravación do concerto e a edición de materiais didácticos para centros de ensino e escolas de música: ”Non queremos que pase o día e pase a romaría. Preparar este material é a forma de que este concerto transcenda e garantir que a música sexa un elemento de aprendizaxe para as novas xeracións”.

Ansede fixo un chamamento directo á cidadanía para que non se perdan este “espectáculo singular cunha grande calidade artística, polo proxecto cultural que leva consigo e porque estou seguro que vai ser unha experiencia inolvidable”. Apuntando as dificultades organizativas e a falta de apoio dalgunhas institucións provinciais, o presidente da Fundación salientou a implicación e disposición do Concello de Pontevedra e agradeceu a “entrega e compañeirismo” de todas as formacións participantes.

O concerto en Pontevedra será o 29 de maio ás 20.30 no Pazo da Cultura, con entrada libre ata completar a capacidade. O espectáculo viaxará a Lugo o día 15 deste mes (Auditorio Fuxan os Ventos) e a Santiago de Compostela, o día 30 (Auditorio de Galicia).

Compartir publicación: