O Concello estrea esta tarde o novo campo de petanca da praza da Cítara, na Parda, cun partido oficial da Liga Municipal

A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, presenciará ás 17:00 horas o encontro inaugural desta nova pista, que supuxo un investimento de preto de 10.000 euros.

Con este campo, o Concello amplía a rede de superficies deportivas de petanca até as 21. 

A concelleira de Deportes de Pontevedra, Anabel Gulías, acudirá esta tarde ás 17:00 horas á Praza da Cítara, no barrio da Parda, para presenciar o primeiro partido que se disputará na nova pista de petanca. Este campo, rematado nestes días, xa abriu a mediados desta semana para que os participantes da liga puideran adestrar nel antes da estrea competitiva de hoxe.

A adecuación destas instalacións foi adxudicada á empresa Garocaprim e contou cun orzamento de 9.776,80 euros. Para a execución da pista, os operarios escavaron parte da zona verde da praza, creando así o terreo de terra e area necesario para a práctica deste deporte. Con esta nova infraestrutura, a zona da Parda e Pontevedra Leste suma a súa segunda pista (xunto coa da rúa dos Soutos), ampliando a extensa rede municipal que xa conta con 21 campos.

Ademais, están en carteira o novo campo de petanca de Acevedo, na parroquia de Ponte Sampaio, que se executará á par que o novo local social, e un novo campo na parroquia de Salcedo, ao carón da Casa Verde. Ampliando así estas superficies deportivas a 23.

O partido inaugural desta tarde enmárcase na Liga de Petanca de Pontevedra que está promovida pola Agrupación de petanqueiros/as de Pontevedra e polo Concello e está formada por 16 clubs, neste momento.

A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, quere pór en valor esta disciplina porque vai moito máis alá da actividade física xa que “é unha ferramenta fundamental para o encontro xeneracional e fomenta o benestar da veciñanza”. Así mesmo, lembra que con este tipo de infraestruturas e eventos, Pontevedra “coida as súas tradicións” mentres promove un deporte activo en todos os barrios e parroquias do municipio.

Localización Campo / Lugar específico
O BurgoTraseira do pavillón
A AlamedaMontero Ríos
A PardaPraza dos soutos
Praza da cítara
Monte PorreiroMirador
Praza de Europa
SalcedoCentro sur
A Igrexa (comunidade de montes)
Os CamposOs campos
MourenteOs areás
Santa Mª de XeveAo carón do centro social
Santo André de XeveNo parque da Bouza
Verducido(comunidade de montes)
EstribelaPraza
MarcónCampo da Festa
BoraSalgueiral
CampañóCabaleiro
Ponte Sampaio
MourenteCons
CampolongoDetrás da residencia de maiores
FrachaParque forestal

Compartir publicación: