A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, avanza que se solicitou á Xunta de Galicia a incorporación ao proxecto dunha pequena cuña de terreo de 58,41 metros cadrados para completar a conexión viaria co cemiterio e segregar así as entradas ao futuro complexo de Emerxencias.
A evolución do Proxecto de Interese Autonómico (PIA) na zona da Parda vai supor unha oportunidade para mellorar a situación e as posibilidades da antiga parcela de Fenosa, futuro espazo de Emerxencias da cidade. A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, deu conta esta mañá na Xunta de Goberno dos avances nas negociacións co Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) sobre a afectación deste proxecto nos terreos municipais e as vantaxes que suporá para a súa versatilidade e a mobilidade da contorna.
Segundo explicou Vilaverde, nas primeiras propostas de traballo, o PIA quedaba non chegaba á parte traseira da parcela municipal. Non obstante, froito do diálogo fluído coa Consellería, conseguiuse que o ámbito de actuación do PIA non só recollese a parte de abaixo da parcela, senón que incluíse tamén un viario na traseira. A ampliación deste viario supón un avance crucial para a mobilidade da zona, xa que permite unilo coa vía lateral municipal que dá servizo ao cemiterio, ordenando moito mellor a circulación e os accesos.
Neste sentido, a tenente de alcalde explicou que, ao revisar as últimas propostas, o Goberno local detectou que faltaba unha “pequena cuña” de terreo para que o enlace entre o viario do PIA e o vial lateral do cemiterio fose completo. Aproveitando o trámite de informe sobre os servizos da zona, o Concello vén de remitir unha alegación ao IGVS solicitando a inclusión desta última porción de terreo de 58,41 metros cadrados.
Para o Concello, a materialización desta conexión viaria total cambia por completo as posibilidades de uso dentro do futuro complexo de Emerxencias. “Permítenos segregar a circulación dentro da parcela e poder dar acceso por un lado ou por outro dependendo dos usos que haxa arriba ou abaixo”, sinalou Vilaverde.
A antiga parcela de Fenosa conta cunha diferenza de cota moi importante entre as construcións da parte superior e a gran nave situada na parte inferior. Ata o de agora, o Concello víase forzado a deseñar un acceso único pola rúa Camposanto, o que obrigaba a construír un viario interior, desaproveitando espazo e correndo o risco de que os diferentes usos se estorbasen entre si.
Grazas aos viarios alternativos que propicia o PIA, poderase dar fachada e entrada por diferentes laterais, adaptándose ás distintas alturas da parcela e facilitando enormemente o seu aproveitamento. Eva Vilaverde amosouse confiada na boa coordinación existente co IGVS para que se acepte a incorporación desta última cuña de conexión, o cal dará ao Concello a seguridade definitiva para modificar e rematar os traballos técnicos de ordenación da parcela cos que xa contaban os servizos municipais.