O Concello licita o contrato de limpeza dos colexios de primaria, dos centros sociais e das dependencias municipais por 11,5 millóns 

A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, informou esta mañá na Xunta de Goberno da aprobación do inicio de expediente deste servizo, que garantirá a hixiene, material e control de pragas nun cento de edificios públicos, colexios e instalacións deportivas durante catro anos. 

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra deu luz verde hoxe á aprobación do inicio do expediente de contratación dos servizos de limpeza das dependencias e instalacións municipais. A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, foi a encargada de dar conta deste acordo, subliñando que se trata dun “contrato potente” e de grande envergadura debido á cantidade de inmobles municipais que requiren atención.

Segundo explicou Vilaverde, o servizo vai máis alá do simple mantemento hixiénico, xa que a adxudicación tamén inclúe o subministro de material, a substitución de dispensadores e o tratamento de pragas, coa única excepción daquelas pragas que afecten ao mobiliario de madeira.

A duración do contrato estipulouse nun período de 4 anos, incluíndo a posibilidade de engadir unha prórroga por 1 ano máis.

O contrato sae a concurso dividido en dous lotes estruturados do seguinte xeito:

  • Lote 1 (dependencias municipais e locais sociais): Dará servizo a 58 edificios. O prezo de licitación para este lote é de 986.365,21 euros por ano, o que supón un investimento total de 3.945.460,84 euros polos 4 anos.
  • Lote 2 (colexios e instalacións deportivas): Dará servizo a 42 instalacións e é a parte con maior custo do contrato. Licítase por 1.891.116,87 euros por ano, acadando un total de 7.564.467,48 euros durante os 4 anos de vixencia.

O total son 11.509.928,32 euros para os catro anos de execución.

Dependencias incluídas no contrato

O Lote 1 abranguerá as seguintes dependencias administrativas e locais sociais da cidade e o rural: Edificio de Michelena, Concello (Praza de España), Teatro Principal, Chalé de Fontoira, Casa Azul, Local Rúa Serra 1, Casa da Luz, Pazo da Cultura, Recinto Feiral, dependencias en Ferreiros, local da rúa Julio Camba, Centro Internacional de Creatividade (antigo conservatorio), Churruchaos, xefatura da Policía Local, parque de Bombeiros, sede de Protección Civil, nave de brigadas, Mercado de Abastos, Mercado Virxe do Camiño, Mercado de Ponte Sampaio, Mercado Fray Juan de Navarrete, cemiterio de San Amaro, Centro Médico de Ponte Sampaio e o local de Xan Guillerme. 

No relativo a espazos culturais e sociais, limparanse: Centro Sur, os Campos, Cacheiro, Monte Porreiro, A Devesa, Pío-Bora, Cons-Mourente, Meán, Tomeza, antigo Concello de Xeve, dependencias de Santa Clara, Lourizán, Bora, Campañó, Ponte Sampaio, San Roque, Gorgullón, Leste, O Burgo, Acevedo, Estribela, Ponte Muíños, centro cultural Ponte Sampaio, Salcedo-Casa Verde, Campañó-Cabaleiro, Sabarís-Campañó, Cultural Canicouva, Casa da Cultura de Lérez, Salgueiral, Cultural de Santa María Xeve-Etnográfico, Escola de Fragoso, Cultural de Santo André de Xeve, Local social Reiriz e as instalacións da praia fluvial do Lérez.

O Lote 2 encargarase da limpeza dos centros educativos e complexos dedicados ao deporte. Os colexios beneficiados son Parada, San Benito Lérez, Santo André de Xeve, Vilaverde, Xunqueira 1, Xunqueira 2, Marcos da Portela, Fina Casalderrey, Verducido, Carballeira, Álvarez Limeses, Barcelos, Cabanas, Froebel, Manuel Vidal Portela, Marcón, Ponte Sampaio, San Martiño, Campolongo, Concepción Crespo Rivas e a escola infantil A Parda, engadíndose ademais o Arquivo Municipal de Froebel neste bloque. 

Finalmente, as instalacións deportivas inclúen o pavillón Monte Carrasco-Marcón, Lérez, Pavillón municipal dos Deportes, pavillóns do Fina Casalderrey, Marcos da Portela, Santo André de Xeve, Xunqueira 1, Xunqueira 2 e o polideportivo de Cabanas, xunto co Multiusos, o campo de rugby de Monte Porreiro, o complexo deportivo Manolo Barreiro, o ximnasio do Centro Sur e o centro de tenis de mesa de Monte Porreiro. Así mesmo, darase servizo aos campos de fútbol de Cerponzóns, Gatomorto, Campañó, Salcedo e Ponte Sampaio.

Compartir publicación: