A cidade de Pontevedra acollerá os vindeiros días 9 e 10 de maio unha fin de semana multitudinaria dedicada ao deporte, a través da celebración de dous eventos que encherán a cidade con máis de 1.500 deportistas: a 4Picos e a 4Pontes, ciclismo e carreira a pé.
O día 9 de maio celebrarase a 11ª edición da “Pontevedra Catro Picos”, un evento de BTT que xa está consolidado como un referente deportivo non só en Galicia, senón tamén a nivel estatal e en Portugal. A proba, que percorre os montes que rodean a cidade nun trazado de case 130 quilómetros, espera superar os 1.000 participantes.
Como principal novidade deste ano, a saída trasladarase desde o seu lugar habitual no Pazo de Cultura cara á zona das facultades, no campus universitario. A organización sinalou que esta será a última edición co formato actual, prometendo unha evolución no percorrido para o vindeiro ano, aínda que mantendo a esencia da proba. Os ciclistas poderán competir nas opcións de dous ou catro picos, xa sexa de xeito individual, en parellas ou en equipos de tres persoas, contando ademais con grande repercusión grazas á presenza de youtubers destacados a nivel estatal como Biclab.
O día 10 será a quenda para a estrea da “4Pontes”, a primeira edición dunha agardada proba de running que nace para dar resposta á alta demanda da poboación. O evento estrutúrase en tres distancias de 5 km, 10 km e 15 km, e destaca polo seu formato de “gravel de running“. Isto significa que o trazado non será puramente de asfalto nin un trail técnico, senón unha mestura de asfalto, carreiros e camiños de grava. O percorrido pasará por zonas non tan habituais nestas probas, como Monte Porreiro, a contorna da UNED e a Illa do Covo xunto ao río, esperando achegarse nesta primeira edición aos 500 participantes.
A realización de ambas probas, xestionadas pola empresa Global Deporte, supón un altísimo custo loxístico e organizativo que é viable grazas aos patrocinadores privados e institucións como a UNED Pontevedra. O evento contará cun amplo operativo de máis de 150 persoas, implicando a Protección Civil de Pontevedra, Vilaboa, Caldas e Moraña, ademais de máis de 100 voluntarios para os labores de avituallamento e control.
As diferentes administracións colaboradoras na proba (Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galiza) destacaron o enorme valor destas probas, non só como fomento da actividade física e os hábitos saudables, senón polo gran impacto económico directo e indirecto na cidade. Estes eventos axudan a poñer en valor o patrimonio natural e cultural, enchen de xente as rúas e os hoteis, e activan o comercio local.
Para todos os interesados en participar nestas xornadas deportivas, as inscricións tanto para a 4Picos como para a 4Pontes pecharán o domingo 3 de maio ás 23:59 horas.
