O Concello impulsa a campaña “Merca local e tómalle un café” para premiar as compras no comercio de proximidade 

As compras superiores a 20 euros nos establecementos adheridos á campaña agasallaranse cunha consumición e un cruasán nos locais de Panaderías Acuña 

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, presentou hoxe a campaña “Merca local e tómalle un café”, unha iniciativa que forma parte das accións do proxecto “Eu merco local” para incentivar as compras no pequeno comercio da cidade. Segundo explicou a edil, esta campaña nace dunha profunda reflexión sobre a necesidade de poñer en valor ás persoas usuarias que elixen o comercio local e resisten fronte á comodidade que ofrecen o comercio electrónico e as grandes multinacionais. Deste xeito, búscase premiar a quen contribúe a manter o sinal de identidade da cidade.

A dinámica da campaña establece que os consumidores que realicen unha compra superior a 20 euros nos comercios participantes (quedando excluídos os comercios de alimentación) recibirán un vale. Este ticket poderá trocarse por unha consumición gratuíta (un café ou unha auga) en calquera dos establecementos de Panaderías Acuña. Ademais, grazas á implicación desta empresa co comercio local, a representante de Acuña, Sonia Amíguez, confirmou que a consumición irá acompañada do agasallo dun cruasán.

A acción poñerase en marcha para o público xeral a partir do 15 de maio e prolongarase ata esgotar as existencias dos vales, que poderán ser trocados ata o 31 de maio. As datas foron consensuadas coas asociacións de comerciantes da cidade co fin de dinamizar as vendas nas épocas de menor actividade comercial. Desde o Concello avanzan que, se a campaña resulta exitosa, non descartan a posibilidade de repetila máis adiante.

Inscrición de comercios a partir do 30 de abril

Para garantir o éxito da iniciativa, a concelleira fixo un chamamento aos negocios locais para que se impliquen e se anoten. O prazo de inscrición para os establecementos interesados comeza mañá, 30 de abril, e finalizará o 13 de maio. A adhesión realizarase a través dun espazo habilitado na páxina web do concello (www.pontevedra.gal), onde os usuarios e usuarias tamén poderán consultar proximamente a listaxe completa de comercios participantes. Todos os locais inscritos contarán ademais cun distintivo para que poidan ser localizados facilmente pola clientela. Unha vez pechado o prazo de inscrición, o persoal encargado pasará polos locais a entregar os materiais.

Gulías quixo agradecer especialmente a colaboración de Panaderías Acuña para arrincar este proxecto, e lembrou que a campaña está aberta a calquera outro local de hostalaría que queira adherirse.

A responsable de Promoción Económica concluíu a presentación lembrando que “comprar en Pontevedra e comprar local ten premio” e que tomarse un café é unha imaxe perfecta do que implica este tipo de consumo: ir a outro ritmo, contribuír a activar a economía da nosa cidade e gozar das nosas terrazas. O Concello convida a todos os veciños e veciñas a visitar a páxina web para obter máis información.

Compartir publicación: