O antigo conservatorio de Pontevedra renace como Centro Internacional da Creatividade 

As obras no interior do edificio do antigo conservatorio da rúa Alfonso XIII danse por finalizadas, a falta dun par de detalles e da chegada do mobiliario, ademais da posta en marcha do ascensor
Foi un proxecto cofinanciado polas axudas á rehabilitación de edificios de titularidade pública, incluídas dentro do Programa de Impulso a la Rehabilitación de los Edificios Públicos (PIREP), xestionadas polo Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana 

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, celebraron hoxe a posta en valor e o remate das obras de rehabilitación do antigo conservatorio da cidade, un inmoble que se transformará no novo Centro Internacional da Creatividade.

O proxecto está cofinanciado polas axudas á rehabilitación de edificios de titularidade pública, incluídas dentro do Programa de Impulso a la Rehabilitación de los Edificios Públicos (PIREP), xestionadas polo Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.

Durante a visita institucional, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, subliñou a estreita colaboración entre o Concello de Pontevedra e o Goberno de España, que fixo posible financiar o proxecto a través do programa PIREP. Segundo detallou, o Estado achegou case 1 millón de euros para esta obra específica. Esta actuación, sumada ás obras en Churruchaos, mobiliza un total de 3 millóns de euros na cidade. Blanco valorou a iniciativa sinalando que o espazo, destinado fundamentalmente á innovación e ao emprendemento, ten o potencial de converterse nun “faro da cultura e da creación artística”, felicitando á súa vez ao consistorio local pola súa tenacidade á hora de captar e xestionar estes fondos.

Pola súa banda, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores amosou o seu orgullo polo resultado da rehabilitación e explicou os usos deste “equipamento impresionante” no centro da cidade, enfocado á innovación e ao asociacionismo creativo. O edificio organizará os seus espazos da seguinte maneira:

  • O soto e a planta baixa dedicaranse á música, converténdose na sede do Seminario Permanente de Jazz, unha institución con 26 anos de historia. Esta área contará tamén cun estudo de gravación e un espazo na entrada concibido para ofrecer pequenos concertos.
  • As plantas intermedias concíbense como espazos de usos múltiples. Servirán para que persoas emprendedoras e cooperativas poidan testar proxectos e comprobar a súa saída ao mercado. Ademais, albergarán a grupos de investigación vencellados ao campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, como o grupo Pansera e un equipo de robótica (Pontelabs).
  • A última planta estará destinada a residencias creativas, concibidas para acoller durante estancias curtas (duns días a unha semana) a expertos e empresas internacionais que queiran expor o seu traballo.

O rexedor municipal confirmou que as obras están rematadas e sen sobrecustos, restando unicamente labores menores de limpeza, algúns detalles de pintura e a posta en funcionamento do ascensor. Explicou tamén que o centro seguirá un modelo autoxestionado; as plantas están independizadas para que cada asociación ou entidade se faga responsable do seu espazo.

A ocupación do inmoble levarase a cabo de xeito paulatino. A previsión municipal é que a actividade arranque a partir do vindeiro curso, despois do verán, comezando probablemente coa zona musical da planta baixa. Aqueles emprendedores con proxectos vinculados á creatividade que estean interesados en utilizar o centro como laboratorio ou viveiro, deberán poñerse en contacto coas concellerías de Promoción Económica ou de Cultura para presentar a súa proposta e ser avaliados.

P1034637
Aspecto da nova fachada pola reforma.

Compartir publicación: