O Concello sela o primeiro acordo con propietarios para impulsar o futuro gran parque de Ernesto Caballero

A vía do mutuo acordo permite a adquisición das dúas primeiras parcelas, que suman preto de 1.460 metros cadrados, por un importe total de 395.421 euros. 

O Concello paga o metro cadrado é de 271,05 euros. 

O Concello de Pontevedra vén de iniciar o proceso de compra das parcelas para crear unha nova gran zona verde entre a rúa Ernesto Caballero e as vías do tren que transcorren en paralelo a José Malvar. 

Acadou o primeiro mutuo acordo (avinza) para a adquisición das parcelas número 2 e 11 das incluídas na Unidade de Actuación 23 (UA-23). A parcela 2 conta cunha superficie de 554,53 metros cadrados e o seu prezo de adquisición fixouse en 150.305,36 euros, mentres que a parcela 11 abrangue unha superficie de 904,32 metros cadrados por un valor de 245.115,94 euros. En conxunto, o Concello inviste 395.421,30 euros nestas dúas primeiras adquisicións, pechando a operación a un prezo de 271,05 euros por metro cadrado.

A consecución deste mutuo acordo obedece á estratexia do goberno local de priorizar en todo momento o acordo cos propietarios dos terreos para a súa obtención, recorrendo á figura da expropiación unicamente naqueles casos nos que non sexa posible a avinza.

Como xa destacou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, trátase do “impulso decisivo” a un proxecto “longamente agardado e demandado” para xerar espazos saudables e asegurar que a cidade siga medrando en calidade urbana.

A creación deste futuro parque require a adquisición completa dun total de 12 parcelas, con superficies moi variadas que oscilan desde os 184 m² da máis pequena ata os 2.600 m² da maior. Son parcelas de 8 propietarios particulares e dunha empresa. A estas 12 engadiráselle unha última parcela da zona expropiada hai anos polo Concello.

Para garantir o éxito de toda a operación e a posterior creación do parque, o Concello conta na actualidade cunha retención de crédito total de 3.313.215 euros.

Este importante investimento municipal divídese en dous capítulos:

  • Adquisición e expropiación: destinaranse 2.188.644 euros exclusivamente para a obtención da titularidade de todas as parcelas necesarias para a infraestrutura verde. Os 395.421,30 euros deste primeiro acordo van a cargo desta partida.
  • Urbanización e proxecto: Os 1.124.570 euros restantes están reservados para a elaboración do proxecto técnico e a posterior realización das obras de urbanización que transformarán o terreo nunha gran zona verde.

Coa compra destas dúas primeiras parcelas, o proxecto de Ernesto Caballero entra de cheo na súa fase de execución administrativa, cumprindo co obxectivo do Concello de transformar os espazos urbanos para que Pontevedra teña cada vez máis contornas para vivir mellor.

Unha gran zona verde

O proxecto suporá a creación dunha gran zona verde que funcionará como área de esparexemento e protección xunto á vía do ferrocarril. Esta intervención integral dotará os terreos das redes de servizos urbanos básicos das que agora carecen —como abastecemento de auga, saneamento e iluminación—, e asegurará a conectividade do contorno co resto da cidade. Para iso, proxectarase a construción de novos accesos, entre os que destaca un vial perimetral de seis metros de largura concibido para un uso mixto, tanto peonil como rodado.

Compartir publicación: