Posta a punto a senda do Gafos co saneamento do arborado para garantir un espazo de lecer óptimo de cara ao verán

O concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, visitou esta mañá a zona para supervisar uns traballos que complementan o mantemento diario e a inmediata reparación das sendas de xabre acometida tras as fortes chuvias.

A actuación completarase coa plantación de especies autóctonas para mellorar a biodiversidade e continuar a dar sombra na senda urbana. 

O concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda, visitou esta mañá o parque do río Gafos para comprobar o avance dos traballos de saneamento do arborado, que inclúen a retirada de exemplares, podas e talas na senda urbana comprendida entre a estación de autobuses e a Ponte Boleira. Esta actuación vén a completar os traballos de mantemento diarios que se levan a cabo no parque, así como as obras de reparación das sendas de xabre que se executaron de maneira inmediata nada máis rematar as fortes chuvias do inverno.

A intervención actual céntrase no tratamento do arborado da senda logo dos danos provocados polo duro inverno. Durante estas tarefas actuouse sobre as árbores de gran porte caídas sobre a canle do río (que impedían o transcurso da auga con normalidade), exemplares que se viron descalzados polo arrastre de terra derivado das fortes enchentes, e ramas secas penduradas que supoñían un perigo para os viandantes. Ademais, aproveitouse a intervención para retirar especies invasoras, como acacias e robinias, que creaban zonas moi densas e de insalubridade no entorno natural.

Durante a visita, o concelleiro Xaquín Moreda valorou moi positivamente a transformación do espazo: “O obxectivo principal é facer un saneamento en todo o arborado para que este pulmón verde estea en perfectas condicións de uso e desfrute nesta primavera e de cara ao verán”.

O concelleiro tamén quixo destacar o compromiso coa rexeneración do espazo verde unha vez remate esta fase de limpeza: “Imos proceder á replantación de novas especies, pero esta vez autóctonas e de ribeira para mellorar a biodiversidade. A nosa prioridade é dar sombra naqueles puntos que quedaron sen ela pola caída das árbores no inverno, asegurando que o Gafos continúe a ser o espazo de esparexemento, descanso, relax, e alivio no verán para a veciñanza do barrio e de toda Pontevedra”.

Estes traballos intensivos levan realizándose durante toda a semana e a previsión da Concellería é que queden definitivamente rematados entre hoxe e os primeiros días da semana que vén.

Compartir publicación: