O Concello inicia os trámites para rescindir de mutuo acordo o contrato de reforma da pasarela de Doce de Novembro 

O Goberno local celebrou esta mañá unha sesión extraordinaria da Xunta de Goberno na que se acordou iniciar o procedemento para rescindir o contrato coa empresa Oresa, actual adxudicataria das obras de acondicionamento da pasarela sobre o tren na rúa Doce de Novembro. A resolución da adxudicación levarase a cabo de mutuo acordo entre ambas partes.

Os trámites comezaron esta mesma semana, despois de que a construtora presentase unha comunicación oficial na que solicitaba a rescisión do proxecto. Tras o paso dado hoxe pola Xunta de Goberno para aceptar o inicio da resolución, o procedemento continuará coa petición dos informes pertinentes aos distintos servizos implicados. Unha vez completada esta avaliación, redactarase unha resolución final que deberá volver á Xunta de Goberno para a súa aprobación definitiva.

Dado que a execución da obra é unha prioridade, o Goberno local confirmou que, a continuación deste proceso de rescisión, o Concello reiniciará os trámites para abrir unha nova licitación do proxecto.

Compartir publicación: