Comezan as obras do novo pavillón deportivo de Monte Porreiro coa demolición das antigas instalacións

O alcalde de Pontevedra, xunto coa concelleira de Deportes, Anabel Gulías, e o concelleiro responsable do barrio, Alberto Oubiña, visitaron o inicio duns traballos que dotarán á veciñanza dun equipamento vangardista e dunha praza pública de 5.000 metros cadrados. 

O Concello de Pontevedra deu hoxe o pistoletazo de saída ás obras de construción do novo pavillón deportivo de Monte Porreiro, un equipamento que transformará a fisionomía do barrio. O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado pola concelleira de Deportes, Anabel Gulías, o concelleiro responsable do barrio, Alberto Oubiña, ademais de persoal técnico de arquitectura e representantes da empresa adxudicataria, desprazáronse á parcela para supervisar o comezo dos traballos, que se inician coa demolición do antigo pavillón.

Segundo explicou o alcalde, esta primeira fase de derrubo das instalacións previas terá unha duración aproximada de seis semanas, dando paso posteriormente ás tarefas de escavación e construción. Previamente a este inicio, leváronse a cabo ampliacións dos estudos xeotécnicos que motivaron un retranqueo no deseño inicial; deste xeito, o edificio sepárase dous metros das construcións perimetrais para minimizar calquera posible afectación e garantir a máxima seguridade da veciñanza próxima. Ademais, a cimentación da nova infraestrutura acadará os 9 metros de profundidade en busca do terreo máis firme.

O novo pavillón, deseñado polo estudio pontevedrés Uña+Amandi e adxudicado á empresa local Construcciones Ramírez S.L., será un edificio semisoterrado de vangarda e con accesibilidade universal. Esta singularidade arquitectónica favorecerá un deseño bioclimático que garantirá unha maior estabilidade térmica, facilitando un mantemento de alta calidade cun menor gasto enerxético. O interior do edificio contará con dúas alturas, albergando na planta baixa unha pista deportiva de 1.250 metros cadrados, ximnasio e vestiarios, mentres que no nivel superior situaranse as gradas e a área administrativa.

Máis alá do propio equipamento deportivo, a intervención xerará un enorme impacto no espazo público para toda a comunidade. Sobre a cuberta do pavillón crearase unha nova praza pública de aproximadamente 5.000 metros cadrados, a máis grande do barrio, con dimensións equivalentes á suma da Praza da Ferraría, os Xardíns de Casto Sampedro e a Praza da Estrela. Este novo punto de encontro contará cunha cuberta axardinada e disporá dunha gran pérgola de entre 700 e 800 metros cadrados de superficie. Esta estrutura albergará paneis solares para o autoconsumo da instalación e ofrecerá protección contra a choiva e sombra nos días de calor, permitindo o desenvolvemento de actividades ao aire libre os 365 días do ano.

O proxecto conta cun orzamento de adxudicación de 6,4 millóns de euros e un prazo de execución de 30 meses. O alcalde destacou que a previsión con estes traballos é que as obras se desenvolvan ao longo deste ano 2026 e durante 2027, co obxectivo de que o complexo estea en pleno funcionamento no ano 2028. O financiamento destas actuacións enmárcase na inxección dos fondos europeos FEDER a través da estratexia EDIL —que suporán un investimento global de máis de 10 millóns de euros no barrio—, complementados con fondos propios do Concello e un protocolo asinado coa Xunta de Galicia que prevé unha achega de 2 millóns de euros para esta infraestrutura.

Para garantir que o proxecto conte coa máxima colaboración, desde a área de Deportes e a concellería de barrio mantivéronse reunións previas cos clubs deportivos, a asociación de veciños e a AMPA. Neste sentido, e para facilitar a convivencia durante a execución do proxecto, está en marcha unha comisión de seguimento que integra á xestora das comunidades lindeiras, á asociación O Mirador e á comunidade educativa do CEIP Fina Casalderrey, co fin de manter unha comunicación fluída e resolver calquera necesidade no día a día da obra.

Compartir publicación: