A mostra ‘E ademais debuxan!’ chegará a Pontevedra o día 6 de maio para achegar 48 debuxos realizados por nenos e nenas durante a Guerra Civil

A inauguración da exposición terá lugar o mércores 6 de maio ás 19.00 horas con entrada libre na Casa das Campás.  Permanecerá instalada ata o 5 de xuño e visitable de luns a venres de 9.00 h. a 21.00 h. e sábados de 10.00 a 14.00h e de 16.00 a 21.00h.

O venres 8 de maio, da man do comisario Vladimir Merino, terá lugar unha charla ás 19.00h na Sala de Conferencias con posterior visita guiada ás 19.45h.

O sábado 9, con inscrición previa en apuntate.pontevedra.gal terá lugar o roteiro ‘Mañá será outro día. Paseo sobre a literatura e o exilio en Pontevedra’ da man de Maos Innovación.

O edil de Cultura e Memoria Histórica Demetrio Gómez presentou esta mañá a exposición ‘E ademais debuxan!’ que achegará a Pontevedra entre o 6 de maio e o 5 de xuño, 48 debuxos realizados durante a Guerra Civil por nenas e nenos evacuados a Levante e exiliados a antiga URRS.

O edil iniciou a súa intervención agradecendo a Universidade de Vigo a súa colaboración por “máis unha vez cedernos as súas instalacións para poder levar a cabo a nosa programación, neste caso a Casa das Campás, a onde será trasladada esta exposición prevista para a parte de arriba do Principal.”

Demetrio afirmou que “non tivemos dúbidas á hora de traer esta exposición a Pontevedra, nesta época na que estamos vendo outra vez guerras de corte imperialista, guerras que moitas veces teñen similitudes co que fixo o fascismo nos anos 20 e 30. Vemos como os nenos e nenas son sempre vítimas inocentes. Vimos como sofren recentemente en Irán co bombardeo dunha escola, vimos a todas esas crianzas asasinadas no Líbano e perdemos a contar de todas as que perderon a vida en Palestina e nomeadamente en Gaza. Relacionado con isto, nos anos 30 o golpe de Estado provocou un sufrimento semellante nas nenas e nenos. ‘E ademais debuxan!’ recolle o que os nenos e nenas sufriron nesa guerra. Estes debuxos permiten entender como sofre a cativada nas guerras de hoxe en día’

Manuel Morquecho, nexo de unión entre o Concello e os responsables da mostra,  avanzou o contido do proxecto que “tivo unha acollida excelente desde o primeiro momento por parte do Concello. É unha exposición moi demanda que estivo xa en diferentes puntos de España e que en Pontevedra contará co comisario, Vladimir Merino, durante case unha semana na que amais de participar na inauguración o día 6 ás 19.00h. fará unha visita para medios de comunicación esa mesma mañá. Impartirá diferentes charlas con escolares nas mañás de xoves e venres e, o venres 8 ás 19.00h. a conferencia ‘E ademais debuxan!’ para público en xeral con entrada libre e posterior visita guiada da súa man. Amais dos debuxos dos nenos, que veñen con lugar, idade e tema, etc. nas diferentes cartelas, é moi importante o que nos vai contar Vladimir nesas diferentes intervencións que vai facer. El é fillo dunha desas nena exiliadas á URSS e a súa colaboración é totalmente altruísta”.

Desde o Concello apuntan que, dentro da mostra, decidiron recuperar o roteiro literiario ‘Mañá será outro día. Literatura e exilio en Pontevedra’ da man de Maos Innovación. Terá lugar o sábado 9 de maio ás 12.00h. e precisa de inscrición previa en apuntate.pontevedra.gal.

A exposición ‘E ademais debuxan’ preséntase como unha homenaxe necesaria tanto á infancia que sufriu a Guerra Civil Española como ao labor solidario dos cuáqueros norteamericanos que, a través do Comité de Asistencia dos Amigos Americanos, socorreron a criaturas desamparadas ante o avance do conflito entre 1936 e 1939. Esta mostra pon en valor a mirada de nenos e nenas que, sobre sinxelos papeis de caderno, exerceron de improvisados reporteiros de guerra para plasmar o horror dos bombardeos, as evacuacións e a perda da seguridade do fogar, pero tamén a esperanza atopada nas colonias escolares.

A orixe deste material remóntase a 1937, cando Josep A. Weissberger recompilou máis de mil debuxos nas colonias infantís para organizar exposicións en galerías dos Estados Unidos co fin de recadar fondos para axuda alimentaria. Froito dese esforzo publicouse o libro They Still Draw Pictures, prologado polo escritor Aldous Huxley, quen destacou a capacidade terapéutica do debuxo para axudar aos pequenos a superar experiencias traumáticas. Para moitos destes nenos, a creatividade foi o único método de expresión cando a palabra quedaba bloqueada polo terror á barbarie. En 2019 a editorial La uña rota publicou ‘¡Y todavía dibujan!’, con 60 debuxos de nenos e nenas durante a Guerra Civil

A colección actual, que chegará a Pontevedra, comisariada pola historiadora Gloria Martínez Dorado e o escritor Vladimir Merino Barrera, consta de 48 debuxos en formato PVC. Do total, 40 son copias dixitais de alta definición procedentes da Biblioteca Nacional de España, realizados por nenos evacuados cara ao Levante. Os 8 debuxos restantes corresponden a nenos que foron exiliados na antiga URSS, cuxas obras se conservan hoxe no Arxiu Nacional de Catalunya grazas á iniciativa da Asociación Archivo, Guerra e Exilio.

Esta “guerra debuxada” non só documenta un episodio histórico fundamental, senón que convida a unha reflexión profunda sobre a vulnerabilidade da infancia nos conflitos bélicos, establecendo unha ponte ética co sufrimento que padecen hoxe nenos noutros territorios baixo as bombas. A través destas imaxes cargadas de humanidade, a exposición busca rescatar do esquecemento o testemuño inmortal daqueles que viviron a contenda en primeira persoa, reafirmando a necesidade de escribir a historia dende o punto de vista dos máis inocentes.

Compartir publicación: