A Concellaría de Promoción Económica sacará a licitación unha asistencia técnica, por 17.500 euros, para deseñar este espazo de apoio ao emprendemento local no Mercado de Abastos.
Este anuncio enmárcase na folla de ruta do ‘Plan Mercado’, que nos últimos dous anos mobilizou máis dun millón de euros en melloras estruturais e plans de dinamización para revitalizar a Praza de Abastos.
A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, anunciou un novo paso na revitalización do Mercado de Abastos: a creación dun espazo de traballo compartido para a transformación de produto local, que se situará nas instalacións da antiga lonxa do peixe, na planta baixa do edificio.
O proxecto arrincará de xeito inminente coa licitación dunha asistencia técnica por valor de 17.500 euros, que se encargará de definir os usos, as características técnicas e o procedemento de funcionamento deste equipamento. O obxectivo é dotar á cidade dun espazo acondicionado no que pequenas empresas agroalimentarias ou produtores particulares poidan procesar os seus excedentes, elaborar conservas, mermeladas ou fermentados e, un aspecto fundamental, conseguir o rexistro sanitario necesario para a súa comercialización.
En palabras da propia Anabel Gulías, “trátase de facer e de poder facer conservas caseiras tanto profesionais como particulares e poder telo adecentado. É dicir, dar un paso máis no proxecto de revitalización do mercado de abastos”. A edil subliñou o carácter innovador desta iniciativa participativa, indicando que non ten constancia de que ningunha outra cidade galega conte cun espazo urbano destas características.
Como xerme desta demanda, o Concello puxo en marcha dentro do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) financiado con fondos europeos Next Generation, os cursos “A despensa viva no mercado, a arte da fermentación”, impartidos pola bióloga Soledad Saburido, cuxo éxito de inscrición xa motivou a programación de novas edicións para o mes de maio.
Un millón de euros de investimento nos últimos dous anos
A transformación da antiga lonxa suma un novo fito no ‘Plan Mercado’ co obxectivo de devolverlle a vida a este equipamento público central e convertelo no punto neurálxico da zona monumental. Tal e como valorou a concelleira, “neste mandato podemos sacar peito máis unha vez de todo o que se fixo dende o acondicionamento dos espazos (…) seguimos traballando para que o mercado funcione e sexa un elemento dinámico e que as pontevedresas poidan utilizar,esa xoia que temos na rúa Serra”.
Nos últimos dous anos, o Goberno local executou e proxectou investimentos por valor de máis dun millón de euros, compaxinando as obras coa actividade comercial. Entre as melloras estruturais máis destacadas atópanse:
- Reparación e renovación das cámaras frigoríficas, xunto coa instalación dun novo depósito de augas estanco e melloras na rede de saneamento, cun investimento superior aos 242.000 euros.
- A recente aprobación da substitución da cuberta e os lucernarios do edificio principal por unha “segunda pel” de vidro tecnolóxico. Esta obra, cun orzamento de 518.732 euros, mellorará o illamento térmico para protexer o produto fresco da planta baixa.
En paralelo á mellora física do inmoble, a Concellaría traballou intensamente na dinamización do espazo do primeiro andar. Neste ámbito destacan a recente licitación pública de dez postos para configurar o novo gastroespazo con canons accesibles; a cesión de espazos como “laboratorio práctico” para o alumnado do CIFP Carlos Oroza; e a posta en marcha do programa europeo “Pontevedra Capital Gastro”. Este último inclúe multitud de iniciativas —como o Mercado do Emprendemento, A Mesa do Camiño para peregrinos, ou o Festival de Cinema Gastronómico—, financiadas con fondos NextGenerationEU para consolidar a capital pontevedresa como referente culinario.