A Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra, celebrará a súa 9ª edición no mes de maio en Belas Artes

A colaboración da Universidade de Vigo na cesión deste espazo posibilitou a celebración do ciclo que habitualmente ten lugar no Teatro Principal, pechado por obras.

O evento terá lugar os días 7, 14, 21, 28 e 29 con entrada libre e contará entre a súa variada programación con 3 longametraxes, 3 curtas, unha serie reel e un videoclip.

Pinto e Maragota, Cineclube Pontevedra, Feroz, Avante LGBTIQA+ Pontevedra e FIC Bueu colaboran activamente na selección da programación que achegará entre os seus filmes, dúas estreas absolutas en Galicia: ‘9 Lunas’ e ‘Iván & Hadoum’

Figuras coma Samantha Hudson, Xoán Fórneas ‘O Xoán’ ou Tania Media e Alba Loureiro, autoras de ‘Contando los días’, participaran nos diferentes encontros.

A festa de clausura terá lugar en ‘La Verbena’ coa música de DJ Beti de la Church o venres 29 a partir das 22.00h.

O edil de Cultura Demetrio Gómez presentou esta mañá a que será a 9ª edición da Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra, Ambienta, que terá lugar os días 7,14,21,28 e 29 de maio. Estivo acompañado da vicerreitora do Campus de Pontevedra, Eva Lantarón, en representación da Universidade de Vigo que, coa cesión do Salón de Actos de Belas Artes facilitou a celebración do evento logo do peche do Teatro Principal.

Lantarón salientou que esta colaboración “é o xeito que temos de devolver a xenerosidade do Concello coas cesións do Teatro Principal para acoller parte da nosa programación, como é o Concerto de Primavera que tiña lugar no momento do suceso ou a Miteu que se vai celebrar a próxima semana no Pazo da Cultura. Somos institucións irmás, damos apoio cando máis preciso é. Ante a adversidade a cultura non se detén e a nosa universidade sempre será acubillo para ela. Este ano acolleremos a mellor produción audiovisual queer , que encaixa perfectamente cos valores do noso Campus Crea. Cremos nun cinema que, como a educación, remexe conciencias e celebra as nosas realidades”.

O edil Demetrio Gómez, logo de agradecer “esta cesión sen a cal teriamos grandes problemas para celebrar Ambienta” apuntou que “Ambienta é un proxecto que achega mediante o audiovisual unha reflexión sobre as situacións que vive o colectivo na súa vida cotiá e que este ano ano dá un salto espectacular e convértese nun evento de primeira orde que quere reclamar o seu espazo xa non só en Pontevedra, senón na programación de todo o país e eu diría incluso de fóra das fronteiras de Galicia. Este ano recibimos no Ambienta unhas cantas personalidades que lle van dar prestixio: Tania Medina e Alba Loureiro creadoras de ‘Contando los días’ que se vai proxectar o 7 de maio cun posterior coloquio con Eva Mejuto. O día 21 logo de ver ‘Iván & Hadoum’, estrea absoluta en Galica que vén de gañar na Berlinale o ‘TEDDY AWARD’, o premio de cine queer máis destacado do mundo, teremos un encontro con Samantha Hudson que é case unha pontevedresa máis. O día 29, o único venres, para clausurar a mostra temos a nosa estrela Xoán Fórneas ‘O Xoán’ que vén presentar ese días das curtas o seu videoclip e co que imos ter unha actuación para presentar os seus temas ao vivo na propia facultade de Belas Artes”.

O edil destacou unha selección de películas “boísima, que facemos en colaboración co Cineclube, Fic Bueu, Avante Pontevedra, Pinto e Maragota e os Feroz.  Vén coma sempre a través das numerosas seccións habituais das que estamos orgullosísimos : un Ambienta Clásico seleccionado polo Cineclube para ver películas clásicas onde se tratan temas LGBTIQA+, temos un Ambienta Estrea, Ambienta en curta seleccionada polo FIC Bueu, Ambienta Encontro para xerar diálogo e debate a partir destas propostas audiovisuais”.

Entre a numerosa programación o edil salientou as “dúas estreas absolutas en Galicia, que aínda non pasaron polas salas comerciais: ‘Iván & Hadoum’ o 21 de maio e ‘9 lunas’ o día 28. O día 7, ‘Contando los días’, unha serie nun novo formato a través de 34 reels autoconclusivos de instagram, nomeada como mellor webserie nos Mestre Mateo e Mellor creación en novos formatos dos premios ODA.  Na sección clásica teremos o xoves 14  ‘Mi querida señorita’  de Jaime de Armiñán. Unha peli de 1972 nomeada Mellor película de fala non inglesa nos Oscar (1973). Este é un fantástico momento para revisar este filme que nestes días estrea nova versión con guión de Alana S.Portero e Los Javis como produtores.

A clausura da mostra terá lugar o venres 29 coa proxección de 3 curtas chegadas de 3 países distintos: Algo novo que contar (Galiza), Hello stranger (Canadá) eBloomer (Suecia). Despois da actuación de ‘O Xoán’ coa presentación do seu videoclip, a festa ‘Ambientazo’ terá lugar en La Verbena coa DJ Beti de la Church.

Compartir publicación: