O Concello de Pontevedra avanza na avaliación das pasarelas de madeira da Illa do Covo cunha inspección técnica específica

O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, visitou esta mañá os traballos que determinarán o estado da madeira e os métodos de reparación das estruturas pechadas durante a Semana Santa. 

O concelleiro responsable de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, realizou esta mañá unha visita á Illa do Covo para supervisar a inspección técnica específica que se está a levar a cabo nas pasarelas de madeira. Estas estruturas permanecen pechadas ao tránsito dende a pasada Semana Santa por motivos de seguridade, tras unha primeira revisión na que se detectou a presenza de fungos de pudrición nas súas bases con potencial para xerar danos estruturais.

Tal e como explicou o edil, esta nova actuación, adxudicada á empresa Enmacosa por un importe de 2.359,50 euros, ten como obxectivo profundar nos achados iniciais e cumprir co compromiso do Goberno local de realizar un estudo máis pormenorizado. O procedemento “vai consistir nun chequeo con rexistógrafo das seccións de pezas e determinación de humidade”, indicou o concelleiro Moreda. Estes traballos exhaustivos permitirán concretar se existe perda de sección e resistencia naquelas zonas atacadas polos fungos de pudrición ou por posibles insectos xilófagos.

A partir dos datos recadados e dos ensaios in situ, a empresa responsable elaborará un informe de resultados. Este documento “analizará o grao dos danos relativos ás distintas patoloxías e indicará tamén a causa, o alcance, a evolución prevista destes danos e un método de reparación”, indicou o concelleiro. Toda esta información detallada será a ferramenta que permitirá ao Concello tomar posteriormente as decisións pertinentes para executar o arranxo das pasarelas.

Cómpre lembrar que o peche preventivo destas pasarelas determinouse por recomendación da propia empresa tras unha alerta inicial. Nesa primeira intervención constatouse a presenza de fungos en vigas principais de madeira laminada encolada, así como diversas rupturas que estaban a permitir a filtración de auga cara ao interior da madeira.

Esta exhaustiva revisión na Illa do Covo enmárcase dentro dun macroestudo xeral encargado polo Concello de Pontevedra, valorado en preto de 300.000 euros, e que a mesma empresa leva meses executando co fin de avaliar a seguridade de preto de 700 estruturas de todo o municipio, incluíndo pontes, viadutos, pasarelas, torretas e aparcadoiros.

Compartir publicación: