A primeira das actividades terá lugar este domingo 19 cun percorrido polas Illas da San Simón e San Antón da man do profesor e deputado do Parlamento Galego, Luís Bará. Esta saída con custo entre os 5 e os 10€, require de inscrición previa a través das redes de Mocidade Galega pola Memoria.
O sábado 25 de abril a Casa da Luz será o escenario de 3 mesas redondas sobre o odio e convivencia, o papel dos medios de comunicación e as dinámicas do odio ao longo do tempo.
Esta segunda xornada contará cun Espazo Infantil con programación paralela aos relatorios: creación colectiva do mural “Unidas pola paz’, elaboración de pulseiras, cravos e chapas, contacontos e un espazo de lectura en colaboración coa Cova dos Libros Fantásticos do Concello de Pontevedra.
O edil de Memoria Histórica Demetrio Gómez presentou esta mañá a I Xornada organizada por Mocidade Galega pola Memoria baixo o lema “Memoria fronte ao odio”. O programa, que constará de dúas xornadas os días 19 e 25 de abril, conta coa colaboración do Concello de Pontevedra e A Cova dos Libros Fantásticos.
Demetrio Gómez apuntou na súa intervención que “Pontevedra desde logo é un sitio distinto, diferente. Un luxo de cidade porque é quen de producir cousas como esta que estamos traendo hoxe aquí”. Destacou a implicación e compromiso “deste grupo de mozas e mozos que son capaces de reunirse, organizarse e de traballar para recuperarmos a nosa memoria e para que a nosa memoria sexa sexa actual. Isto no tempo no estamos vivindo pois convirte a nosa cidade en algo moi moi eh especial. Eles son mocidade comprometida, mocidade traballadora, eu diría en incluso que mocidade é entregada porque isto que fan é que sacan dos seus traballos, dos seus estudos e do seu tempo de lecer”
Pablo Abelleira, Uxía Couto, María Xesus Abelleira e Sabela Cendón foron os encargados de representar a este colectivo que coa organización destas primeiras xornadas busca “reflexionar sobre o odio que se espallou de forma previa, durante e despois do golpe de Estado do 36”. Pero tamén sobre o odio que palpamos hoxe en día na sociedade coa misoxinia, a LGTBIfobia, a xenofobia, o clasismo, e outras formas de odio que vivimos e vemos cada días nas rúas e na política actual, que non son nada novo e veñen de atrás”. Sobre todo iso queremos que versen todas as xornadas e o programa”, apuntaba Pablo Abelleira, quen tamén agradeceu ao Concello pola colaboración e por “sempre botar un cabo para facer cousas sobre Memoria Histórica na cidade”.
A programación botará a anda o domingo 19 de abril cunha xornada que partirá do porto de Meirande cara as Illas de San Simón e San Antón. Luís Bará, profesor e deputado, guiará “Un percorrido pola memoria das illas” no que o público asistente coñecerá a historia das illas como centros de reclusión e campos de concentración durante a represión. Para acceder a esta actividade, cun custo de 10€ para maiores de 12 anos e de 5€ para nenos e nenas de 4 a 12 anos, é preciso cumprimentar o formulario de inscrición dispoñible nas redes de Mocidade Galega pola Memoria.
O sábado 25 de abril, a actividade trasladarase á Casa da Luz de Pontevedra, onde se sucederán diversos relatorios que convidan á reflexión e o debate.
A xornada de mañá contará ás 12.00h. coa conferencia “Dende o persoal: o odio e a convivencia”, na que participarán Diego Bará Louro (investigador), Carmen Álvarez Rey (neta de represaliado) e Claudia Domínguez (bisneta de Dámaso Carrasco), moderados pola xornalista Laura Fresneda.
Pola tarde ás 16.00h. Alberte Mera (Nós Diario) e Borxa González (Orgullo Galego) debaterán moderados por Chus Gómez Dorrego sobre o papel dos medios de comunicación como canle ou freo ao odio.
O peche das xornadas correrá a cargo da senadora Carme da Silva, a profesora Pilar Allegue e a investigadora Montse Fajardo, que, moderadas por Juan de Sola, analizarán “Institucións e sociedade: as dinámicas do odio onte e hoxe”.
Abelleira agradeceu a implicación e colaboración dos relatores e relatoras e das xornalistas locais que moderarán as diferentes charlas.
Como novidade destacada dentro dunhas xornadas de memoria a organización deseñou un Espazo Infantil durante toda a xornada do día 25. “Por unha parte facilitamos a asistencia das familias ao evento, porque temos este espazo para cativada de 4 a 12 anos e por outra, con actividades e discurso adaptado ás idades, buscamos concienciar desde pequenos, que coñezan de onde veñen e tamén que todas as liberdades que temos son grazas a certas persoas que no seu momento loitaron por elas”, apuntaba Uxía Couto. Farémolo desde a creatividade, cun mural colectivo sobre a Revolución dos cravos, deseño de pulseiras con palabras significativas como loita, memoria, liberdade, etc. cravos con papel para que a rapazada poida recoñecer este símbolo, chapas con ilustración de persoas relevantes como Alexandre ou Amalia Bóveda, Rosalía de Castro. Tamén teremos contacontos e un espazo de lectura con libros cedidos polo programa municipal ‘A Cova dos Libros Fantásticos’.