A 16ª edición da Pontevedrada sairá o 25 de abril con 1.400 participantes para promover a doazón de órganos e sangue 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente de ASAMPO, Francisco Pérez, presentaron hoxe a 16ª edición da Pontevedrada, unha andaina solidaria de 67 quilómetros entre Pontevedra e Santiago de Compostela que xa conta cunha inscrición de 1.400 participantes. O evento celebrarase o vindeiro sábado 25 de abril, con saída ás 20:00 horas desde a Avenida de Montero Ríos, fronte ao Pazo da Deputación.

Fernández Lores lembrou que o obxectivo principal desta iniciativa está centrado na “promoción da doazón de órganos, tecidos e sangue”. 

Ademais explicou que o Concello  colaborará co dispositivo de Protección Civil ata o límite co concello de Barro e porá á disposición da proba “un par de autobuses para a xente que teña que deixar a camiñata” e necesite volver ás súas casas dende calquera punto do traxecto.

Pola súa banda, o presidente de ASAMPO, Francisco Pérez explicou as novidades desta edición: na saída contará coa animación da batucada “Os Vikingos” e co conmovedor testemuño dunha nai cuxo fillo, que agora ten cinco anos, recibiu un transplante de fígado aos tres. 

Compartir publicación: