O xornalista galego José Precedo, gañador do XXII Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa do Colexio de Xornalistas de Galicia que se entregará en Pontevedra 

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores ofreceu a cidade como sede permanente do galardón, mentres a decana do CPXG, Belén Regueira, destacou a firme defensa da profesión e do segredo profesional por parte do premiado. 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) anunciou que o xornalista galego José Precedo é o gañador da vixésimo segunda edición do Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa. A cerimonia de entrega deste prestixioso galardón terá lugar, por primeira vez, na cidade de Pontevedra o vindeiro sábado, 9 de maio, ás 12:00 horas na Casa Consistorial. A candidatura de Precedo impúxose ás outras finalistas: a correspondente da ABC News, Mary Bruce, e a Organización Periodistas e Comunicadores Independentes de Nicaragua.

A decana do CPXG, Belén Regueira, puxo en valor a figura do gañador, ao que definiu como un profesional “rigoroso, independente, que defende un xeriodismo fiscalizador do poder”. Regueira destacou especialmente o papel de Precedo nos últimos meses, ao facer unha defensa ante os tribunais de elementos esenciais da profesión como “o segredo profesional e o respecto pola confidencialidade das fontes”. A decana lembrou que con esta actitude non só defendeu o xornalismo, senón tamén o dereito de toda a sociedade á información veraz, un dereito que cualificou como “algo tan importante como ter aire limpo para respirar” e un “elemento imprescindible nunha esfera pública saudable”.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, agradeceu a elección da cidade para acoller este acto e amosou a súa disposición a consolidar esta relación de cara ao futuro: “Se non vai a ser itinerante, Pontevedra ofrécese para dar continuidade á entrega a este premio porque nos dá moitísimo prestixio”, asegurou o rexedor.

O alcalde reflexionou sobre a importancia da profesión nestes momentos de “caos internacional”, afirmando que “está máis claro aínda que o xornalismo cumpre unha función fundamental na sociedade”. Lores aproveitou a súa intervención para facer unha defensa do dereito á información local e lanzar unha crítica directa á xestión dos medios públicos: “Preocúpanos que os medios de comunicación públicos deste país non teñan respecto por certas capitales de provincia onde non temos nin delegación nin temos absolutamente nada”. O rexedor engadiu que “os pontevedreses e a comarca de Pontevedra teñen dereito a ter unha información dos medios públicos, igual que calquera outros veciños deste país”.

Por último, o alcalde comprometeuse a ceder para o evento de maio “os mellores espazos que temos recuperados para que sexa un acto de honra e que teña trascendencia social e que poida asistir moitísima xente”.

Compartir publicación: