A actividade, enmarcada na campaña da Concellaría de Igualdade Primavera Feminista do 8M baixo o lema “Non van conseguir que o medo nos volva encerrar na casa”, contará coa participación das históricas profesionais Ana Romaní, Tareixa Navaza e Pilar Fariña.
A Concellaría de Igualdade, que xestiona Anabel Gulías, organiza este xoves ás 19.00 horas na Casa das Campás un encontro centrado no papel das mulleres na comunicación. Esta cita forma parte da programación da Primavera Feminista, incluída na campaña institucional do 8 de marzo que leva por lema “Non van conseguir que o medo nos volva encerrar na casa”.
A xornada, que conta coa colaboración da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, será de entrada libre ata completar a capacidade do espazo. O encontro xuntará a tres referentes históricas do xornalismo galego: Ana Romaní Blanco, Tareixa Navaza González e Pilar Fariña García, e estará moderado pola tamén xornalista Natalia Puga López.
Este evento servirá de escaparate para presentar o libro “As mulleres no xornalismo galego: a crónica revelada”, unha publicación impulsada polo Colexio de Xornalistas que conta tamén cun espazo web, e que resultou premiada nos VI Premios Luísa Villalta da Deputación da Coruña. Aínda que xa existen moitos estudos sobre o tratamento das mulleres nos medios, este traballo pon o foco en explicar como foi para as primeiras xornalistas conseguir entrar nas redaccións. Deste xeito, os distintos materiais do proxecto rescatan, investigan, visibilizan e valoran o papel fundamental das mulleres na comunicación galega.
A obra propón unha viaxe de preto dun século polo xornalismo galego con nome de muller, poñendo a dialogar o pasado co presente. Faino visibilizando o labor das profesionais en tres momentos da nosa historia: o das pioneiras cuxas biografías son reivindicadas e recollidas na introdución; o das entrevistadas que debuxan un retrato da profesión nos momentos da construción da democracia e da autonomía; e o das profesionais que realizaron as entrevistas.
Para conseguilo, a publicación combina unha introdución sobre o papel das mulleres desde o nacemento do xornalismo galego con entrevistas a informadoras da historia máis recente. Ademais das participantes na mesa, o proxecto recolle as voces doutras grandes referentes como Rita Alonso, Isabel Bravo, Ujué Foces, Cristina Huete, Cristina Lombao, Margarita Ledo, Carmen Merelas, Concha Pino, María Xosé Porteiro e María Rey. As encargadas de realizar estas entrevistas foron comunicadoras da actualidade como Noemí Alonso, Ángela Casal, Ana G. Liste, Eliana Martíns, Natalia Puga, Carmen Quintela, Belén Regueira e Sonia Vizoso. O proxecto compleméntase coas fotografías elaboradas por Lucía Junquera.