O Concello avanza na xestión de residuos coa recollida “porta a porta” para máis de 1.300 comercios e a instalación de “illas emerxentes” para a veciñanza do centro histórico 

O concelleiro Xaquín Moreda presenta o novo modelo para o Centro Histórico e a zona urbana, que suporá a retirada dos colectores fixos na zona monumental. Esta medida completa os recentes fitos do novo contrato, como o despregamento da recollida de aceite, a implantación do colector gris e o impulso definitivo á compostaxe. 

O Concello de Pontevedra porá en marcha de xeito inminente a nova xestión dos residuos do comercio da cidade. O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, detallou esta mañá as claves da nova recollida selectiva “porta a porta”, que afectará a un total de 1.311 locais, repartidos entre 298 na zona monumental e 1.013 na área urbana e periurbana. Este servizo atenderá a unha ampla diversidade de negocios do sector terciario, abranguendo desde locais de hostalaría, tendas de alimentación e moda, ata perruquerías, farmacias e oficinas.

No Centro Histórico, a recollida “porta a porta” incluirá as cinco fraccións: cartón, vidro, resto, orgánico e envases. Pola súa banda, na zona urbana, recolleranse tres fraccións (orgánico, envases e cartón), coa posibilidade de incluír tamén o vidro naqueles establecementos que o soliciten. O servizo iniciarase cada xornada a partir das 20:30 horas, un horario deseñado pensando no peche da maioría dos comercios, aínda que tamén podería sufrir variacións en función das necesidades da maioría dos comercios. Para facilitar a separación, a empresa concesionaria Prezero fornecerá aos locais que o desexen contedores adaptados ás súas tipoloxías, principalmente de 90 e 120 litros.

Sobre a posta en marcha do servizo comercial, que comezará a funcionar nos vindeiros 15 días no centro histórico, Xaquín Moreda incidiu en que se trata dun modelo concibido para ser flexible: “isto é un punto de partida, pero despois teremos que melloralo e adaptalo” a medida que se vaian coñecendo as necesidades diarias.

Unha das transformacións máis significativas para o espazo público da cidade será a eliminación dos actuais colectores permanentes na vía pública da zona monumental. Moreda avanzou que, tras un período de proba do servizo comercial de entre 15 días e tres semanas, “retiraranse os contedores que hai na zona monumental e pasaremos a instalar por horas unhas illas emerxentes” que conterán todas as fraccións (resto, envase, papel/cartón, vidro e biorresiduo).

Estas estruturas provisionais estarán destinadas de xeito exclusivo á veciñanza, instalándose durante unhas horas determinadas para, posteriormente, seren retiradas, liberando así o espazo público da cidade. A implantación destas illas realizarase de xeito progresivo e ao longo do mes de maio.

Para garantir o éxito desta medida, a Concellaría despregará unha campaña informativa mediante buzoneo e xuntanzas coas asociacións de comercio e colectivos veciñais. O concelleiro fixo un chamamento á colaboración cidadá e á concienciación, destacando que “é un cambio radical, para interiorizala hai que dar moita información e ir pouco a pouco titorizando todo este novo sistema”.

Unha transformación integral xa consolidada na cidade

A implantación da recollida comercial “porta a porta” vén complementar o intenso traballo desenvolvido polo Concello e a empresa concesionaria Prezero nos últimos meses, que está a dotar a Pontevedra dos servizos máis modernos e sostibles:

  • Renovación total de colectores: Á instalación dos colectores azuis (papel/cartón), amarelos (envases) e verdes (vidro), sumouse nas últimas semanas o despregamento do novo colector gris, que substitúe ao antigo verde para a fracción resto, e nas vindeiras semanas será o colector marrón para biorresiduos.
  • Éxito na recollida de aceite: O servizo, xestionado pola cooperativa de traballo social Mulleres Colleiteiras, consolidouse no inicio deste 2026 recuperando 2.192 quilos de aceite doméstico usado só entre xaneiro e febreiro, superando xa as cifras de todo o ano anterior mediante unha ampla rede urbana e nas parroquias.
  • Avance na compostaxe: O Concello segue avanzando cara ao obxectivo de 100 centros de compostaxe comunitaria coa instalación de 12 novas illas en barrios como Tafisa, Valdecorvos, A Parda ou Mollavao cuxa instalación comezará na vindeira semana. Ademais, activouse o carácter obrigatorio da compostaxe individual no rural, con campañas de formación, seguimento e repartos nas parroquias.
  • Limpeza e nova maquinaria: O servizo estase a modernizar coa incorporación de nova maquinaria eléctrica e de última xeración (triciclos eléctricos, decapadoras de auga quente, varredoras), que permiten avanzar nas limpezas a fondo dos barrios.

Con todas estas accións estruturais e a inminente chegada do novo “porta a porta”, o Concello de Pontevedra reafirma o seu traballo para consolidar un modelo de economía circular, transformando de forma definitiva os residuos en recursos e mellorando a imaxe de todo o termo municipal.

Compartir publicación: