Pontevedra pecha o orzamento de 2025 con cifras récord en pagos e  un investimento por habitante sen precedentes no Concello 

A liquidación de 2025 arroxa unha execución que supera os 99 millóns de euros, o que supón preto de 1.200 euros por habitante, e permite acadar a débeda cero na Administración local. 

O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, deu conta hoxe da liquidación do orzamento municipal de 2025. “O ano, economicamente falando, foi exitoso no sentido en que se fixeron pagos por un importe moi elevado que nunca se fixera no Concello e cun investimento por habitante tamén moi elevado, que nunca houbera neste Concello”, explicou Raimundo González.

O Concello pechou o 2025 cun superávit de 1.568.941 euros, é dicir, “houbo moi pouca diferencia entre ingresos e de gastos, por tanto o estado de execución do orzamento é bo”, explicou o concelleiro. Partindo dun orzamento inicial de 98,6 millóns, as distintas incorporacións e modificacións elevaron o gasto a 158 millóns de euros ao longo do ano.

A partir desa cifra de partida, a Administración local executou pagos e recoñeceu obrigas por un valor total de 99.024.432,48 euros. Trátase dunha cantidade que supera o propio orzamento inicialmente previsto, polo que o concelleiro subliñou que “en comparación co ano anterior superamos case en 15 millóns de euros os pagos”.

Ao detallar en que se investiron estes fondos, o groso do gasto (o 48,69 %) destinouse a bens e servizos básicos para a veciñanza, sumando máis de 48,2 millóns de euros para áreas esenciais como o abastecemento e saneamento de auga, a limpeza viaria, a recollida de residuos ou o Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A segunda gran área foi a de persoal, indispensable para a prestación destes servizos, con máis de 25,2 millóns de euros (un 25,54 % do total executado).

No eido dos investimentos, o abono de obras ascendeu a máis de 15,2 millóns (o 15,42 %), mentres que as subvencións de apoio ao tecido social, deportivo e educativo da cidade contaron con máis de 3,5 millóns. Ademais, a liquidación constata o pago de máis de 6 millóns de euros para a amortización da débeda con entidades bancarias, o cal permitiu que na actualidade a débeda do Concello sexa de cero euros.

Como resultado directo destas contas, o investimento municipal situouse nos 1.188,54 euros por habitante, un salto substancial fronte a exercicios previos nos que apenas se superaban os 1.000 euros. González valorou as cifras de forma moi positiva: “o 2025 foi un ano de récord tanto en pagos como en investimento por habitante”. Como única cuestión técnica, as elevadas cifras de investimento provocaron un incumprimento da regra de gasto, un aspecto ao que o Goberno local lle restou importancia ao preverse a súa supresión por parte do Goberno central.

O concelleiro de Economía detallou que xa se incorporaron no actual orzamento, 37.685.000 euros de remanentes non gastados no 2025 para garantir o financiamento de obras adxudicadas ou en marcha, como a rehabilitación de firmes ou a renaturalización do río Gafos. A maiores, quedan case 15 millóns de euros pendentes dos correspondentes informes técnicos para decidir a que novos proxectos se destinarán.

Compartir publicación: