A Xunta local de seguridade confirma a baixada dos delitos en Pontevedra e desmente os discursos de alarma social

A Subdelegación do Goberno constata a boa situación da cidade cun descenso da criminalidade convencional do 6%.

A concelleira Eva Vilaverde advirte de que a verdadeira preocupación estrutural son os 126 casos activos de violencia de xénero no municipio. 

O Concello de Pontevedra acolleu esta mañá unha nova reunión da Xunta Local de Seguridade, na que participaron os corpos da Policía Local, Nacional e Garda Civil, presididos pola alcaldesa en funcións e concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada. O encontro serviu para analizar a situación actual da cidade, repasar os datos oficiais de delincuencia e coordinar os próximos operativos de seguridade para os eventos que acollerá a cidade, como  a gran final das series mundiais de tríatlon.

O subdelegado do Goberno detallou as estatísticas oficiais do Ministerio do Interior, aclarando que, se se exclúen os ciberdelitos —que non afectan á seguridade cidadá a pé de rúa— e se omite o ano da pandemia por ser unha anomalía, a criminalidade convencional no municipio descendeu un 6%. En concreto, pasouse de 2.515 delitos no ano 2019 aos 2.353 rexistrados de cara a este 2025, o que confirma que a tendencia en ningún caso é crecente.

Neste sentido, dende a institución gubernamental criticouse duramente a actitude dalgúns cargos do Partido Popular, acusándoos de asustar á cidadanía e xerar unha alarma artificial e fóra da realidade con obxectivos estritamente políticos. O representante do Goberno defendeu o traballo e a eficacia da Policía Nacional, a Garda Civil e a Policía Local, subliñando que na actualidade as forzas de seguridade contan con practicamente o 100% dos seus cadros de persoal cubertos. 

Ademais, a Subdelegación recalcou que as molestias xeradas na rúa por persoas con problemas de adaptación ou adiccións, aínda que poidan xerar incomodidade, non constitúen un problema grave de inseguridade cidadá e requiren, a miúdo, de solucións sociais e xudiciais, non só policiais.

Pola súa banda, a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, rexeitou frontalmente o relato da oposición sobre a situación das rúas da cidade. A edil asegurou que ese discurso catastrofista “nada ten que ver coa realidade que viven no día a día e que ten un obxectivo político claramente espuro”. Vilaverde quixo poñer en valor o modelo urbano de Pontevedra, engadindo que “nós aquí o que facemos é traballar precisamente nun escenario totalmente oposto ao que marca o Partido Popular e é seguir traballando por unha cidade non só segura, senón traballar pola calidade de vida dos pontevedreses e pontevedresas, a súa comodidade, a súa seguridade, e iso vémolo día a día”.

Violencia de xénero

A concelleira Eva Vilaverde quixo poñer o foco no que considerou como o verdadeiro problema de seguridade que debe centrar os esforzos das administracións: a violencia machista. Segundo os datos revelados nesta Xunta Local de Seguridade, a situación actual no municipio de Pontevedra é a seguinte:

  • 126 casos activos de violencia de xénero no sistema VioXén.
  • Distribución por risco: 0 en risco extremo, 2 en risco alto, 19 en risco medio e 105 en risco baixo.
  • Existen actualmente 108 ordes de protección activas contra agresores no concello.

Vilaverde destacou a excelente coordinación existente entre a Policía Nacional e a Policía Local para protexer ás vítimas e facer fronte a esta lacra estrutural. 

En contraposición co alarmismo sobre os delitos na rúa, a concelleira foi tallante cos datos de violencia machista: “isto si que me parece serio e si que hai que traballar seriamente para baixar estas cifras. E isto si que nos ten que preocupar e non atender discursos catastrofistas”.

Gran final das series mundiais de tríatlon

Ademais dos datos de seguridade xeral, a Xunta Local abordou a organización do gran operativo que requirirá a final das Series Mundiais de Tríatlon, que se celebrará entre o 24 e o 27 de setembro. A concelleira explicou que o Concello xa ten preparado un dossier completo coas necesidades do evento, no que traballarán preto de 1.000 persoas, e para o que se estableceu xa unha liña de colaboración e coordinación coas forzas e corpos de seguridade do Estado.

Compartir publicación: