A iniciativa, impulsada pola Concellería de Seguridade Cidadá e a Policía Local, comezará de xeito interactivo co alumnado de cuarto de primaria do Vidal Portela, Froebel e Álvarez Limeses
O Concello de Pontevedra presentou esta mañá a campaña “Eu son, Nós imos”, un novo proxecto formativo e interactivo deseñado para promover a autonomía da rapazada e educar sobre os principios que rexen a mobilidade urbana na cidade. A concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, deu a coñecer os detalles desta iniciativa que porá en marcha o colectivo Risotadas e a empresa Taller Abierto, en colaboración coa Policía Local.
A campaña nace como un complemento principal ás habituais charlas de formación que imparte a Policía Local, buscando achegarse á xente máis nova a través dunha linguaxe máis próxima e accesible para que os valores de Pontevedra poidan ser comprendidos facilmente polo alumnado. Durante a presentación, a concelleira Eva Vilaverde detallou que “o que pretendemos trasladar aos centros educativos e á xente máis miúda, é como funciona a cidade”.
Asemade, a concelleira quixo poñer en valor a visión de proximidade que se lle quere transmitir aos nenos e nenas sobre o corpo municipal, xa que participarán de xeito uniformado nalgunhas das actividades da rúa para que a rapazada poida “coñecer cal é o labor da Policía Local”.
O programa arrincará traballando co alumnado de cuarto de primaria de tres centros escolares que se atopan no centro da cidade: o CEIP Frobel, o CEIP Álvarez Limeses e o CEIP Vidal Portela. O proxecto foi deseñado como unha colaboración conxunta na que a empresa Taller Abierto se encarga de desenvolver as dinámicas de traballo dentro da aula, mentres que Risotadas dirixe as accións e probas no espazo público.
A estrutura da campaña ten como meta traballar a autonomía infantil na casa, na escola e na rúa. Para logralo, levaranse a cabo as seguintes accións:
- Sesións formativas: dúas intervencións nas aulas con cada grupo.
- Actividades na rúa: unha saída cos grupos polos arredores dos seus colexios, realizando probas para observar e familiarizarse coa contorna urbana.
- Intervencións en pasos de peóns: realizaranse accións puntuais e sorpresivas nestes espazos para ensinar á rapazada a xestionar a convivencia cos vehículos, demostrando que “os coches non son o inimigo”.
- Actividades familiares: desenvolveranse tres sesións que inclúen ás persoas adultas, xa que a autonomía infantil depende en gran medida de que os maiores o permitan. Nunha destas probas, pediráselle aos adultos que se movan pola cidade sen o uso dos seus teléfonos móbiles.
- Gran evento final: A campaña pecharase a finais de curso cunha actividade conxunta cos tres colexios para “tomar Pontevedra” e gozar do espazo público.
África Martínez, de Taller Abierto, explicou que o propio lema da campaña, “Eu son, Nós imos”, busca incidir na autonomía e na individualidade de cada persoa, pero sen esquecer que no espazo público a cidadanía non está soa, senón que actúa en conxunto co resto das persoas.
A Concellería xa adiantou que, dependendo da resposta desta primeira edición, existe moito interese en ampliar as actividades e chegar progresivamente aos centros educativos dos ámbitos máis rurais para facilitar que toda a rapazada poida acudir pola súa conta aos recintos escolares.