A concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, presentou hoxe ao novo oficial xefe do Parque Municipal de Bombeiros de Pontevedra, Víctor Antonio Docampo Cancelas, quen tomou posesión do seu cargo o 1 de abril, en plena Semana Santa. Esta incorporación supón un paso fundamental na folla de ruta do Concello para consolidar a xefatura e reorganizar o servizo de emerxencias dende os seus postos de mando, segundo avanzou a responsable de Seguridade Cidadá.
O novo xefe de bombeiros chega a Pontevedra procedente do parque comarcal do Morrazo (Bueu) e conta con dúas décadas de experiencia no sector, tras ter pasado tamén polos parques de Vilagarcía e Ribadumia. A nivel académico, Víctor Antonio Docampo é licenciado en Publicidade e Relacións Públicas, posúe formación específica en xestión de comunicación e crises e en prevención de riscos laborais. Conta, tamén, cunha moi ampla especialización en coordinación de emerxencias, extinción e salvamento.
Na súa intervención, Docampo mostrouse ilusionado de unirse ao proxecto e destacou que o Parque de Pontevedra sempre foi “un referente” e un modelo do que os parques comarcais copiaban protocolos e procedementos. O novo xefe sinalou a súa intención de dar continuidade ao traballo dos seus predecesores na xefatura.
A concelleira Eva Vilaverde, pola súa banda, aproveitou a ocasión para facer un balance da situación estrutural do parque, cuxo cadro de persoal está fixado en 43 prazas. Actualmente sitúase nuns 41 efectivos operativos, á espera de novas xubilacións e incorporacións. Vilaverde anunciou que, tras cubrir a xefatura, o obxectivo para este mesmo ano é cubrir dúas vacantes de sarxento mediante promoción interna: unha para substituír unha xubilación e outra froito da transformación dunha praza de bombeiro-condutor.