A alcaldesa en funcións, Eva Vilaverde anuncia que a intervención, adxudicada por máis de 4,1 millóns de euros, podería comezar a executarse a finais de abril ou principios de maio.
A alcaldesa en funcións e tenente de alcalde, Eva Vilaverde, informou esta mañá do impulso político que supón para a cidade a entrada en vigor e publicación dos novos orzamentos municipais. Con este paso administrativo, o Concello vén de reactivar as obras correspondentes ao proxecto de renaturalización do río Gafos.
A proposta de adxudicación desta obra recaeu na Unión Temporal de empresas (UTE) COVSA e E.C. Casas, por un importe total de 4.191.406,25 euros e un prazo de execución estimado de 12 meses.
Vilaverde explicou que o seguinte paso consistirá en publicar a proposta de adxudicación na plataforma de contratación da Administración, parada á espera da aprobación definitiva do Orzamento. A continuación, abrirase un prazo de 10 días naturais para a presentación de posibles reclamacións ante o tribunal especial en materia de contratación.
Eva Vilaverde amosouse optimista cos prazos, destacando que, se a tramitación avanza con normalidade e non se rexistran contratempos neste período de recursos, procederase á sinatura da acta de replanteo,de modo que os traballos sobre o terreo comecen “a finais de abril ou maio”, un avance que a concelleira valorou como “interesante para contar e para recordar”.